
Falamos do Conxugalego, unha aplicación que causou furor entre a comunidade estudantil, á que lle acaba de “nacer” un curmán, o DicionarioGalego, que tamén está á nosa disposición no Android Market.
A nova ferramenta permite a busca no dicionario de calquera termo en galego que recolla o Dicionario da Real Academia Galega (na súa versión do 1997), aínda que os seus creadores están a traballar para poñer en funcionamento unha versión que traballe segundo as definicións do DRAG de 2003, o último.
Falando dos creadores da ferramenta, Sabela Barreiro e Xurxo Méndez, cabe dicir que se aliaron cun vello coñecido de Código Cero, o desenvolvedor galego Juan Porta, autor de ferramentas como a Extra! Extra! Portadas e Chove.
A aplicación está integrada coa nova versión de ConxuGalego, e permite buscar o significado dun verbo calquera para despois conxugalo, e viceversa.
As persoas interesadas en recibir máis información sobre estas ferramentas que poñen en valor o noso idioma, poden facelo vía Twitter, na páxina de Conxugalego.
Dispoñible en Android Market un dicionario galego para usar no móbil
Compartir Este Artigo

