
A firma con sedes en Vigo (CITEXVI) e na Coruña falou do seu modelo de licenciamento con programas libres, os proxectos máis salientables realizados baixo este estándar e as súas motivacións para ter apostado por este tipo de metodoloxías para “afrontar proxectos de calidade”. Como exemplo disto, a empresa amosou os obxectivos e funcións de ER-INNOVA, unha plataforma baseada na versión de código aberto de Ontimize desenvolvida de xeito específico para a mellora da competitividade das empresas pequenas e medianas do eido das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A tecnoloxía Ontimize, fixo saber Imatia, ofrece un amplísimo abano de posibilidades, tanto no que se refire ao deseño de novas aplicacións e ferramentas como ao seu emprego no seo dunha empresa. Trátase dun sistema para o desenvolvemento de novos sistemas de información, “un framework declarativo baseado en compoñentes, cliente rico web e estándares Java e XML que permite”, en palabras de Imatia, “aumentar a produtividade e fiabilidade do proceso de desenvolvemento de software posibilitando a integración coa estrutura corporativa”.
Con Ontimize, engadiu a firma, os deseñadores e programadores evítanse o esforzo de desenvolver de cero linguaxes de propósito xeral, tomar moitísimas decisións sobre a arquitectura do sistema e exercer unha estrita disciplina no desenvolvemento, co obxectivo de obter aplicacións uniformes, fiables e doadas de manter. Ontimize achega unha aplicación sen remate que debe ser configurada e estendida “para satisfacer necesidades específicas”. Segundo explicou Imatia, “ao centrarse nunha determinada tipoloxía de aplicacións, pode subministrar unha arquitectura axeitada, compoñentes que se mesturan para satisfacer necesidades comúns sen programar e ferramentas que facilitan o deseño, proba e mantemento das aplicacións”.
Imatia desvela ante o alumnado da UDC as posibilidades empresariais do software libre
Compartir Este Artigo
