
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) contará en 2027 cun orzamento de 143,99 millóns de euros, un 2,86 % máis que no exercicio actual. As contas presentadas pola directora xeral, Mª Concepción Pombo Romero, no Parlamento de Galicia reservan 13 millóns de euros para provisionar o litixio que a maioría das canles públicas manteñen coa Facenda estatal pola tributación do IVE, ademais de reforzar o investimento tecnolóxico e a adquisición de contidos.
Os orzamentos, os segundos elaborados ao abeiro da Lei 1/2025 de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, buscan avanzar na transformación dixital da Corporación e adaptar a súa oferta aos novos hábitos de consumo audiovisual. O incremento responde á actualización dos custos da actividade, á suba dos gastos de persoal e ás necesidades de renovación tecnolóxica.
As compras e os servizos exteriores absorberán 65,22 millóns de euros, o 45,3 % do orzamento total. A partida aumenta en 1,57 millóns respecto de 2026 e repercute directamente no sector audiovisual galego. AGalega.gal disporá de 5 millóns de euros para adquirir contidos, un 11 % máis que este ano, co obxectivo de ampliar a oferta dixital en galego.
Os gastos de persoal ascenderán a 60,29 millóns de euros, o 41,9 % do total, tras aumentar en 2,32 millóns. As contas incorporan a actualización salarial e manteñen os obxectivos de estabilidade laboral e desenvolvemento profesional, coa continuidade das ofertas públicas de emprego, os procesos de promoción interna e a formación en competencias multimedia, transmedia e dixitais. A CSAG asegura ter estabilizado o seu cadro de persoal ao completo desde finais de 2025.
O investimento material en tecnoloxía máis que se duplicará, ao pasar de 2,3 millóns de euros en 2026 a 4,8 millóns en 2027. Unha das principais actuacións será a renovación do sistema de produción dixital da TVG, cun custo aproximado de 5,2 millóns de euros, IVE incluído, na anualidade. A intervención abrangue os sistemas de edición, entrada e tratamento de contidos, xestión, planificación, emisión e arquivo.
A dixitalización do arquivo histórico audiovisual tamén recibirá un impulso, cunha partida que medra de 450.000 a 750.000 euros. Outros 400.000 euros destinaranse a equipamento técnico, incluída a adaptación das instalacións da Radio Galega e a incorporación progresiva de ferramentas de intelixencia artificial para tarefas de apoio, como a transcrición, a creación de metadatos e a recuperación de contidos. Estas funcións estarán sempre sometidas a supervisión humana.

