A empresa galega Imatia está a desenvolver un bo número de sistemas e ferramentas para a mellora e optimización da xestión nas empresas dos máis variados sectores. Un exemplo disto é o Elastic Business, un recurso especialmente axeitado para o sector da automoción da nosa terra, tanto polo valor que achega en áreas como o almacenaxe e a loxística de pezas (especialmente relevantes no devandito sector), como (tamén) polo factor de xestión integral que pon en xogo.
Elastic Business foi dado a coñecer durante o transcurso do encontro profesional que mantivo a asociación Ineo con firmas do ámbito da fabricación de vehículos, na sede da CEAGA (Cluster da Automoción de Galicia). Compañías punteiras como o Grupo PSA-Citroën, o Grupo Copo ou o Grupo Maviva puideron coñecer, de primeira man, as vantaxes da devandita ferramenta. Segundo fai saber Imatia, estamos a falar dunha solución flexible para a xestión integral e que, alén de facilitar as xestións de vendas, compras, finanzas e almacén, inclúe módulos de tipo avanzado para a produción, trazabilidade, calidade, loxística industrial, relación cos clientes e cadro de mando.
A súa arquitectura aberta, engádese, “facilita a adaptación a calquera sector, tal e como se pode demostrar coas súas achegas para a fabricación de móbeis (Elastic Wood Business), para o téxtil (Elastic Fashion Business), acuicultura (Elastic Aqua Business) e máis a produción de viño (Elastic Vintage Business), entre outros”.
Imatia preséntalle ao noso sector da automoción a súa solución aberta de xestión
Compartir Este Artigo
