O fabricante de electrónica de consumo afincado en Compostela, Blusens, vén de anunciar a dispoñibilidade dunha nova actualización de balde para o seu dispositivo estrela, o web:tv, de xeito que recolle melloras substanciais desenvolvidas durante os pasados meses, depurando o acceso a YouTube, o control dende dispositivos Android ou o seu navegador web (que incorpora soporte parcial de HTML).
O firmware 8643 para o web:tv tamén inclúe o soporte para ficheiros de máis de 1 Gb con contas Premium de Megaupload, mellora a detección, sincronización e renderizado de subtítulos, facilita a reprodución de fluxos de streaming en formato m3u8 dende o navegador, engade os idiomas francés e portugués, amosa a calidade e a potencia das canles de TDT tanto durante a sintonización como ao cambiar de canle… e moitos outros detalles entre os que tamén podemos destacar o soporte completo para o novo Blusens RC02, un accesorio de pequenas dimensións (150 x 60 x 12 milímetros) e pouco peso (90 gramos) que se comunica sen fíos cun receptor USB para facilitar o seu uso en equipos informáticos (e que tamén pode operar en consolas de videoxogos Xbox 360 ou PlayStation 3 e dispositivos Android) facendo de teclado e rato ata a unha distancia de 30 metros.

Vídeo promocional do web:tv de Blusens
