
A aplicación tecnolóxica ten conexión directa co móbil, indicando a través del os treitos de meirande risco, e compleméntase con sinais luminosos e dinámicos que entrarían en funcionamento nos intres do día de meirande taxa de perigosidade. Esta ferramenta tería un especial aproveitamento da nosa terra, que, malia non destacar a nivel europeo pola elevada densidade poboacional das especies, conta con poucos espazos onde estean ben delimitados os hábitats humanos e os animais. De feito, sobre todo nas provincias máis habitadas, todo se mestura, debido a que contamos cunha poboación moi espallada que transita por estradas que cruzan por áreas ocupadas claramente pola fauna salvaxe.
O traballo que presenta o grupo AF4 baséase nunha base de datos coas descricións de 6.000 accidentes ocorridos dende 2006, o que serviu entre outras cousas para elaborar pautas temporais e espaciais dos sinistros. Observouse, por exemplo, que no mes de abril e maio concéntranse a maior parte de accidentes provocados polo corzo, “período do ano que coincide coa súa época reprodutora”, salienta o grupo. Pola contra, o xabaril causa un maior número de sinistros entre os meses de outubro e xaneiro, a maior parte deles concentrados entre novembro e decembro, “ben pola coincidencia co período de caza, ben por ser a época do ano coas noites máis longas, pois o xabaril é de hábitos nocturnos”.
O proxecto do grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal foi presentado á convocatoria europea Eurostars, en cooperación con investigadores da República Checa e coa spin off galega Geodem, sendo aceptado e pendente da resolución final.
O grupo AF4 do Campus de Pontevedra presenta unha aplicación móbil para combater os sinistros causados pola fauna salvaxe
Compartir Este Artigo
