A empresa galega Training Channel, con sedes na Coruña e Madrid, está a converter en realidade a iniciativa que avanzamos hai uns meses para traballar, na medida das súas forzas, en contra dunha das grandes lacras do noso tempo: o desemprego. E faino ademais con cifras e obxectivos concretos: segundo vén de informar ao fío dos seus plans para o ano vindeiro, a empresa formará de balde a máis de 2.000 desempregados. Esta actividade collerá corpo a través do seu Proxecto Crisálida, unha iniciativa solidaria que chega agora a un novo chanzo de desenvolvemento, o chanzo 2.0, logo de meses de experiencia formando sen custe a máis de 300 solicitantes dun posto de traballo.
Os novos proxectos de Training Channel foron dados a coñecer este 9 de decembro, con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos, unha celebración que a empresa galega asume do seguinte xeito: “Queremos un tecido empresarial e económico no que tódalas persoas, con independencia das súas posibilidades económicas, teñan acceso a unha formación de calidade que non limite as súas opcións de progreso individual, de aí xorde precisamente este proxecto noso, máis participativo e flexible a partir de agora”.
O Proxecto Crisálida, máis polo miúdo, comezou achegando a posibilidade de levar a cabo un curso semanal que era seleccionado pola propia empresa. Con Crisálida 2.0, será o propio interesado o que poderá escoller o curso que máis lle praza. Con este motivo, Training Channel, a través da súa páxina en Facebook, vai organizar cada día un certame, como mínimo, no que se formulará unha pregunta con certo nivel de dificultade. As tres primeiras persoas que contesten de maneira axeitada recibirán dous playcode cada unha para realizar o curso que desexen, dentro das canles da grella de Training Channel: tecnolóxico, ofimático ou inglés. “Os afortunados”, engade a empresa, “poderán agasallar o playcode sobrante a outra persoa que se atope na mesma situación de desemprego, único requirimento para poderen participar”. Os días laborais, na devandita web de Facebook, formularase como mínimo unha pregunta. A persoa que acerte contestando coa meirande antelación, recibirá dúas autorizacións para realizar a actividade da grella de trainingchanel.es que desexe. Unha para ela e outra para quen a gañadora ou gañador decida. O certame tamén se poderá seguir a través do perfil de Twitter da firma galega. Ámbalas persoas, non só a gañadora, deben ser demandantes de traballo na Oficina Pública de Emprego e enviar por correo electrónico a documentación precisa a marketing@trainingchannel.es.
A galega Training Channel quere formar de balde a máis de 2.000 desempregados
Compartir Este Artigo
