
Isto supón triplicar a oferta formativa de 2011, o ano no que botou a andar a Rede CeMIT no noso país para impulsar o uso das TIC e no que se superaron tódolos obxectivos previstos.
Ese ano, entre outras cousas, os 2.116 cursos celebrados supuxeron máis do dobre dos 1.000 previstos nun primeiro momento, e ademais, as horas de formación superaron as 18.000 fronte as 10.000 contempladas inicialmente.
Xa que logo, os 3.000 cursos de balde que se agardan celebrar o ano que vén, permitirán incrementar en preto do 50 por cento o número de usuarios rexistrados, ata superar os 15.000 previstos, e tamén superar as 20.000 horas de formación en novas tecnoloxías, o dobre de 2011.
Este Plan de Formación 2012 preséntase dividido en tres partes correspondentes a cadanseus colectivos concretos: unha primeira parte pensada na cidadanía en xeral, con formación en alfabetización dixital, multimedia e audiovisual; unha segunda parte centrada nos profesionais TIC, para o que se conta coa colaboración do CNTG e unha última sección que contempla a formación dos empregados públicos a través da EGAP.
Asemade, o Plan 2012 incorpora novidades enfocadas a mellorar a aprendizaxe e ao aproveitamento da formación e neste senso incorpora 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesitades.
Os itinerarios formativos abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación especialización e software libre, ocio en Internet e multimedia e ferramentas TIC.
Cando o usuario acceda á Rede realizará unha proba de nivel para que o Axente TIC lle poida recomendar a realización do itinerario máis axustado ás súas necesidades. Así mesmo os cursos rematarán cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe do usuario.
Outra das novidades do Plan 2012 é o impulso da teleformación, coa posta en marcha dun Aula de formación virtual que achegará a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de usuarios. Por outra banda, e co obxectivo de adaptarse mellor ás necesidades dos usuarios o Plan revisarase con carácter trimestral.
Formación especializada na EGAP e no CNTG
A formación específica para os empregados públicos e os profesionais TIC galegos desenvólvese un ano máis en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG ), onde está previsto que se celebren 24 e 38 cursos respectivamente.
Ademais da formación, o catálogo de servizos da Rede CeMIT contempla tamén actividades de divulgación para a sensibilización e o fomento do uso das TIC coa organización de charlas e xornadas con expertos en materia de novas tecnoloxías. Paralelamente, continuarase co servizo de Aula Aberta, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

