
O servizo entrou en funcionamento ao abeiro dun convenio de colaboración asinado hoxe entre Igualdade e o Concello de Santiago, nun acto no que unha usuaria de orixe romanesa, demostrou in situ o funcionamento da aplicación.
Segundo informan dende a Secretaría da Igualdade, esta entidade decidiu facer extensiva a teletraducción á rede de CIMs de Galicia “despois de acreditar, durante un ano, a súa utilidade no Teléfono de Información á Muller”, e anunciou que fará extensivo este servizo de balde ás casas de acollida e ONGs que o soliciten.

A través da plataforma de teletradución, as mulleres que descoñecen a nosa lingua e precisan algún tipo de axuda por parte da Administración, terán a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico,entre outras cousas, na súa propia lingua.
O sistema permite que as usuarias poidan comunicarse telefonicamente cunha intérprete desde calquera centro no que se atopen (ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida) así como establecer unha chamada a tres, na que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.
Durante o seu primeiro ano de funcionamento no Teléfono de Información á Muller de Galicia os idiomas máis demandados foron o romanés, o chinés e o árabe.
Santiago incorpora un servizo de teletradución a 51 idiomas en varios organismos de axuda a persoas necesitadas
Compartir Este Artigo

