O Cluster TIC Galicia, que dende a súa creación afirma “traballar para poñer en valor o sector tecnolóxico galego”, vén de anunciar que elaborará un plan de internacionalización específico para o mesmo, que contará co respaldo da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
O titular da entidade pública, Javier Guerra Fernández, mantivo o pasado venres unha reunión co presidente do Cluster, Gerardo Crespo Riestra, na que se puxeron ao día no tocante á situación das empresas tecnolóxicas galegas e na necesidade de que tódolos axentes se impliquen para o pulo da innovación, a competitividade e a saída a novos mercados, entre outras cousas.
Nesta reunión, o representante do Cluster galego comprometeuse a “presentar un primeiro borrador do plan no prazo dun mes”, algo que o titular de Economía e Industria considerou “estratéxico” e manifestou o apoio do seu departamento.
Gerardo Crespo xa mantivera recentemente un encontro con Javier Aguilera, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que segundo informan dende a entidade, “serviu para dar un pulo á colaboración entre ambas as dúas institucións”.
Nesa xuntanza, engaden, acordouse a posta en marcha por parte do Cluster de “iniciativas para promover o acceso das empresas TIC galegas ás oportunidades de financiamento que ofrecen os fondos de capital risco promovidos pola administración galega”.
A Xunta apoiará ao Cluster TIC Galicia no seu plan de internacionalización para empresas
Compartir Este Artigo

