A firma galega de telecomunicacións Televés, con máis de 50 anos de historia fabricando produtos de vangarda e investindo en I+D+i, vén de dar un novo paso na súa política de servizo ao instalador, coa comercialización de cabeceiras de distribución totalmente montadas, axustadas e programadas.
Deste xeito, os profesionais poden optar agora por unha solución que segundo indican “lles reporta considerables vantaxes, como un importante aforro de tempo na instalación e a garantía total de fiabilidade” xa que, os equipos saen das instalacións de Televés, en Santiago de Compostela, totalmente comprobados e listos para comezar a funcionar.
Os profesionais que opten por estas cabeceiras de distribución de selo galego tan só deberán conectar o sinal entrante a través do backpanel e a instalación estará completada.
Porén as vantaxes deste produto non rematan na súa sinxeleza, tamén se estenden ao prezo, pois a compañía asegura que non aplica ningún cargo adicional pola montaxe e axuste dos equipos.
Esta iniciativa comezou a funcionar como experiencia piloto en Portugal, onde a situación, segundo afirman, “era especialmente atractiva para instalacións complexas en edificios como hoteis, centros de ensino, hospitais e urbanizacións”. Neste país, os primeiros equipos que Televés entregou totalmente montados foron sistemas de distribución con cabeceiras integradas en racks de 19 polgadas, que incluían, entre outros, servizos de fibra óptica.
Ante o éxito acadado, a compañía tomou a decisión de ofrecer este tipo de montaxes tamén aos seus clientes españois e no resto do mundo e neste senso, o seu director comercial, Francisco Péerez destaca que, con esta iniciativa, “Televés confirma o seu liderato e ofrece valor engadido aos seus clientes, reforzando a súa política de proximidade e apoio aos profesionais”.
Televés saca á venda cabeceiras de distribución totalmente montadas e programadas
Compartir Este Artigo

