As consolas de videoxogos domésticas están estancadas na actual xeración no que parece responder á conxuntura económica máis que a motivos técnicos, de aí que aínda non se anunciaran as sucesoras da PlayStation 3 e da Xbox 360, pero esta última podería ser a primeira consola de alta definición en ter relevo, que está a coñecerse de xeito informal como Xbox 720, e da que non paran de filtrarse detalles que poderían confirmarse na vindeira edición do E3.
A Xbox 720 podería chegar ás tendas no outono de 2013, e polo que se comenta, contaría cunha potencia 6 veces superior á Xbox 360, operando cunha gráfica baseada na serie 7000 de AMD, agardándose que durante o vindeiro verán os desenvolvedores comecen a recibir os kits para poder comezar a facer xogos para a futura consola.
Tamén están a aparecer rumores que apuntan a que a Xbox 720 podería incluír lector de discos Blu-ray, o que sería toda unha sorpresa, por ter rexeitado Microsoft tal formato en numerosas ocasións, aínda que tamén sería razoable dende o punto de vista de que crear un novo soporte físico de alta capacidade sería bastante ridículo nun momento no que están a proliferar as plataformas de descarga.
A sucesora da Xbox 360 podería multiplicar por 6 a súa potencia
Compartir Este Artigo
