A Secretaría Xeral para o Turismo, a través do seu organismo dependente Turgalicia, vén de publicar unha práctica Guía de Turismo Rural 2012, na que se inclúen tódolos establecementos rurais que hai na nosa Comunidade, un total de 591, e información de utilidade para o viaxante, tal como as ofertas dispoñibles en cada un (se é que as hai) ou as coordenadas GPS dos establecementos, que mesmo están dispoñibles na Rede para descargar directamente en calquera navegador do mercado.
Esta guía, que segundo os seus responsables é “unha das edicións anuais de Turgalicia con maior demanda”, vén de publicarse en galego, castelán, inglés, francés, alemán e portugués, e ademais da súa versión impresa, permite descargar de balde a súa versión dixital en formato PDF, dispoñible no apartado de descargas da web oficial.
Na publicación, da que se imprimiron 65.000 exemplares para repartir en feiras e outros eventos, detállanse as características de tódolos aloxamentos rurais que hai rexistrados na nosa Comunidade, dos que 167 radican na provincia da Coruña, 152 na de Lugo, 87 na de Ourense e 184 na de Pontevedra.
Este folleto turístico conta con 128 páxinas a toda cor nas que destacan as fotografías de cada un dos establecementos rurais reseñados, e tamén o mapa de cada provincia coa localización doada de cada unha das casas incluídas na guía.
Tamén se especifican os enderezos postal e electrónico de cada aloxamento, e moi detalladamente inclúense os pictogramas cos servizos que se prestan.
Por último, e non menos importante, tamén se indican os establecementos que permiten facer a reserva on-line a través da central de reservas da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia.
A Guía de turismo rural 2012 xa está dispoñible en PDF na Rede
Compartir Este Artigo

