Co obxectivo de ofrecerlle á mocidade galega novas oportunidades laborais coas que aproveitar a súa formación e coñecementos, e evitar así que decidan marchar cara outros países onde os valoren máis, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado vai convocar a segunda edición do programa Emprega talento, que achegará aos mozos e mozas galegas ao mundo directivo e aos investidores que poidan promover e financiar os seus proxectos empresariais.
A xornada terá lugar o vindeiro 28 de febreiro no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense), e este ano converterase nun punto de encontro alternativo entre empresas que buscan proxectos emprendedores nos que investir, e mozos e mozas con grandes ideas que precisan financiar.
Ao encontro, que por certo se celebra en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD), poderán asistir ata un máximo de 200 persoas, que deberán inscribirse antes do 24 de febreiro na web de Xuventude.
Emprega talento tamén ten como obxectivo promover o espírito emprendedor dos mozos e mozas do espazo transfronteirizo, e servirlle como espazo de encontro, coñecemento, información e formación en habilidades e, xa que logo, como espazo de relacións, onde poidan poñer en común as súas ideas e mellorar a súa base co que aporten outros emprendedores.
Esta xornada inspírase no formato afterwork, polo que se desenvolverá en torno a un escenario participativo e distendido, no que se abordarán presentacións en catro bloques: Os valores do deporte á hora de emprender; A aula á empresa; aprender a emprender; Os mozos de hoxe, directivos de mañá; e En novos tempos, novas habilidades directivas.
Durante o acto, que dará comezo a partir das 16:45 horas, os mozos e mozas asistirán de primeira man a relatorios sobre liderado, talento, valores, traballo en equipo, experiencia, éxitos e fracasos, motivación ou innovación, que lle poderán ser de utilidade cando entren no mercado laboral e que guiarán as decisións que tomen de cara a atopar o camiño do éxito.
Asemade, terán a oportunidade de participar en coloquios con deportistas cuxo sacrificio e disciplina sirvan de exemplo de superación, ou tamén nunha mesa redonda con directivos de recursos humanos de distintas empresas aos que presentarlle as súas propostas.
Para finalizar a xornada, o programa desenvolverase no Espazo Ágora, un punto de encontro, onde se permitirán as relacións, o intercambio de ideas, a información e o coñecemento a través de actividades paralelas. Tamén será un espazo de asesoría, onde se ensinará a redactar e presentar un currículo ou a afrontar unha entrevista laboral con seguridade nun mesmo.
Xuventude celebra a finais de mes a II edición de Emprega talento
Compartir Este Artigo

