Bombóns, rosas, xoias, trebellos tecnolóxicos, plantas, osiños de peluche… neste día de San Valentín calquera cousa nos pode caer nas mans de parte das nosas parellas ou namorados, e Google, sabedor da importancia que lle damos a esta data (malia que ten milleiros de detractores que prefiren que pase de largo), non deixou pasar a oportunidade de facer un doodle conmemorativo.
Trátase dun vídeo cunha mensaxe moi simbólica que, ao son da canción Cold, cold heart de Bennet, nos vén transmitindo que o importante nunha historia de amor non é o material, senón as experiencias que se poden compartir cos demais.
Ao rapaz do vídeo non lle funcionan as rosas, nin os bombóns, nin os xoguetes; tan só logra conquistar á súa amada cando decide saltar con ela á corda, é entón cando a moza se namora perdidamente del e cae rendida nos seus brazos.
Porén, en pouco máis dun minuto que dura a peza, Google transmítenos outra mensaxe de tolerancia non menos importante que a primeira. É contra o final, cando nun mosaico moi peculiar se nos mostran distintas parellas que se queren (por estrañas que parezan): un astronauta cun extraterrestre, unha princesa cunha rá, un can e un gato, un refresco cunha galleta, unha parella de distinta raza e unha parella homosexual.
O vídeo que pode verse no doodle de San Valentín
Este último detalle, que seguramente pasou desapercibido no noso país, non chegou coa mesma indiferenza a outros países nos que a homosexualidade se castiga, como en Malasia, Nixeria, Kenia ou India.
Tamén foi posible ver o doodle no Líbano, Turquía, ou Sudáfrica, entre outros, mais non tiveron tanta sorte en Marrocos, Arabia Saudí, Xordania, Emiratos Árabes Unidos ou Pakistán, onde Google tivo tino de non incluír a súa peculiar homenaxe pois son países que rexeitan esta celebración e onde a homosexualidade (case na súa maioría) se castiga con penas duras.
Google celebra o San Valentín cun doodle moi peculiar
Compartir Este Artigo

