A Universidade da Coruña vén de asinar un acordo de colaboración coa multinacional OKI, con vistas a dar corpo a colaboracións futuras nos eidos da docencia, a investigación, a ciencia e a cultura. Na formalización do convenio, que se desenvolveu este xoves, participaron o reitor Xosé Luís Armesto e o apoderado de OKI, Santiago Santos. O acordo, xa nun plano máis específico, abrangue liñas conxuntas de actividade como por exemplo o asesoramento mutuo, en dous sentidos, en cuestións relacionadas co eido de actividade de OKI, que non é outro que a innovación arredor das impresoras, os equipos de informática, os reprodutores dixitais, os equipos de TDT e os accesorios TIC en xeral.
Amais disto, o acordo establece a posta en marcha de accións formativas (cursos, conferencias, simposios, seminarios ou clases) e o apoio á comunidade da UDC (dende estudantes a investigadores) na divulgación e consecución de diversos proxectos de tipo cultural. Segundo informa a UDC, este é o cuarto convenio que asina OKI cunha universidade, amais de chegar a acordos semellantes coas universidades de Salamanca e Madrid, ten un acordo coa universidade de Xapón, ao que se suma o que hoxe se asinou coa Universidade da Coruña.
Segundo fixo saber Santiago Santos no acto de sinatura, “estamos moi satisfeitos de ter asinado este acordo coa Universidade da Coruña xa que nos permitirá contribuír cos nosos produtos e a nosa tecnoloxía á formación dos mozos universitarios”. Ao que engadiu que “esta iniciativa enmárcase dentro da filosofía de OKI de apoio á cultura e ao desenvolvemento da sociedade”.
Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña, asegurou que “para a Universidade da Coruña son moi importantes este tipo de acordos con empresas como OKI que ten un departamento de I+D e dedica unha parte dos seu investimento ao coñecemento”.
A Universidade da Coruña e a multinacional OKI asinan un acordo de colaboración
Compartir Este Artigo
