Esta tarde, a partir das 16:30 horas, vai ter lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia un seminario técnico sobre o funcionamento de VPNs baseadas en IPsec, que ten como obxectivo a protección de datos utilizando protocolos tunneling.
Trátase dunha xornada que vai dirixida especialmente a persoal técnico das áreas de informática, electrónica e telecomunicacións que desexan ampliar coñecementos sobre o eido da seguridade en liña.
Asemade, os analistas e administradores de sistemas, técnicos de operacións e mantemento e mesmo programadores interesados no tema, tamén poderán asistir a este seminario, que será impartido polo formador do grupo Academia Postal, Miguel Valencia, especialista no programa Cisco Networking Academy e instrutor certificado CCAI.
Valencia, que ten experiencia impartindo cursos CCNA e CCNP, é colaborador habitual do CNTG e está en posesión das certificacións CCNA, CCDA, CCNP e LPIC-1.
Como valor engadido do seminario, aquelas persoas que desexen ampliar a formación e teñan uns coñecementos técnicos mínimos, poderán asistir ao remate da charla a un obradoiro práctico, onde se traballarán con equipamento CISCO os coñecementos desenvolvidos na xornada.
Hoxe celébrase no CNTG un curso de seguridade nas comunicacións en liña
Compartir Este Artigo

