Se hai uns días falabamos en Código Cero dos proxectos innovadores máis salientables xurdidos o ano pasado abeiro da Universidade de Santiago, todos eles con potencial como para dinamizar o tecido produtivo galego, agora é a quenda de ollar cara a Vigo e os seus campus, de onde abrolla, precisamente, a rede social Fena, gañadora do segundo premio ao Mellor Proxecto Empresarial. A iniciativa, dedicada á formación e á innovación sobre esa formación, vén da man de Natividade Vila e Federico Martín, ata hai pouco estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais de Ourense.
O recoñecemento obtido, cunha contía de 3.000 euros, insírese nas accións do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade. Amais do dito reforzo económico, os responsables de Fena contarán, durante un ano, cun niño empresarial de balde emprazado na Tecnópole de Ourense, que é a responsable do galardón. O xurado e máis o equipo promotor destes premios valorou da nova iniciativa TIC galega o seu potencial de crecemento e o vieiro que abre, con respecto a proxectos que veñan detrás, nun atranco que non é nin moito menos insalvable: a crise produtiva.
Fena dirixirá os seus esforzos cara a diferentes eidos da administración, propoñéndose como unha iniciativa centralizada na educación normativa referente aos contornos de desenvolvemento das institucións. A rede social, sinalan os responsables da mesma, funcionaría a semellanza das webs 2.0 que todas e todos coñecementos. A comunidade resultante terá un cun perfil aberto ao inicio do proxecto pero a idea é que unha vez que estea afianzada se oriente cara a unha rede privada de formación “de alto nivel educativo”.
A Universidade de Vigo e a Tecnópole recoñecen o potencial da rede social Fena
Compartir Este Artigo
