Tagen Ata, empresa galega que dedica unha boa parte dos seus esforzos TIC á responsabilidade social, achegando polo miúdo os seus froitos de traballo en formación e asesoramento, vén de lanzar na Rede un novo servizo de formación. Estamos a falar de espazodixital.com, acubillo de recursos e propostas de aprendizaxe posto en marcha en colaboración con Café de Rede e o Centro de Psicoterapia e Trauma. O seu eido de acción primeiro será Narón e a súa comarca.
Segundo conta Tagen Ata, o obxectivo deste novo espazo, que complementa a aula física do número 33-25 da Estrada da Gándara (Narón), é crear un escenario diferente de formación que contribúa a botar abaixo tódalas barreiras, reais ou ficticias, que a día de hoxe separan a unha parte da cidadanía galega das vantaxes e utilidades da Sociedade da Información. “Queremos contribuír a que axuden e faciliten a nosa vida diaria e empregalas como o que son, ferramentas”, sinalan.
Para iso vanse pór a andar 4 novos cursos na aula Espazo Dixital de Narón ao longo dos meses de marzo, abril, maio e xuño.
Tagen Ata é unha firma especialista na creación de contidos dixitais educativos e formativos. Asemade, céntrase en redacción web, servizos lingüísticos e comunicación social.
Tagen Ata pon en marcha unha web para favorecer na comarca de Narón a formación TIC
Compartir Este Artigo
