Os vindeiros días 7 e 8 de marzo, a Illa do Pensamento vaise converter na illa do diálogo e do debate, nun espazo aberto ao mundo dende o que analizar a revolución que supuxo Internet e os desafíos que este medio achega como plataforma de comunicación e relacións sociais.
Será grazas ao segundo encontro NeThinking, que reunirá no arquipélago vigués a expertos en redes sociais e activos blogueiros de toda a xeografía, para poñer en común a súa visión particular sobre esta tecnoloxía e aportar novas claves de coñecemento e uso da mesma.
O encontro, que poderá ser seguido vía streaming en directo a través da canle San Simón TV, reunirá entre outros a destacados comunicadores como Antón Losada e Carmela Ríos, cineastas como Nacho Vigalondo e músicos como Julián Hernández, que compartirán a súa experiencia persoal coa Rede como medio de comunicación e transmisión de contidos nos seus respectivos sectores.
Tamén participarán en #NeThinking expertos en redes sociais como Nacho de la Fuente, por certo que será o coordinador do encontro, Javier Pedreira (Wicho), José Jiménez Moltó (Kurioso), Javier Celaya, Ismael El-Qudsi, Juanjo Amorín, Marilin Gonzalo, Eduardo Arcos, Elena Gómez del Pozuelo, Mario Tascón, Antonio Delgado ou Yoani Sánchez, a recoñecida blogueira cubana que participará no evento de modo virtual por videoconferencia.
Francisco Campos, Xosé López, Manuel Gago ou Valentín Alejandro Martínez son outros expertos en comunicación que, chegados das diferentes universidades galegas, aportarán o seu gran de area neste evento singular que lle abre as portas do noso país a todo o mundo.
Segundo informan dende a Consellaría de Cultura e Educación, este grupo de participantes non só destaca pola súa formación e experiencia en comunicación en liña, senón tamén pola diversidade das súas frontes de actuación e pola súa intensa actividade en redes sociais, “que os ten convertido en referentes a nivel nacional”, aseguran.
Os temas que se tocarán no evento van dende as redes sociais e a súa utilización, ata a seguridade informática, os novos modelos de negocio e a fragmentación e saturación de contidos, pasando, como non, polo debate do presente e futuro de Internet como plataforma revolucionaria.
A comunidade internauta interesada en participar pode facelo vía Twitter, co hashtag #NeThinking, ou ben enviando as súas propostas vía mail a usuarios@fundacionilladesansimon.org.
A Illa de San Simón quece motores para iniciar a segunda edición do NeThinking
Compartir Este Artigo

