Unha alianza constituída por algunha das empresas TIC que máis diñeiro moven no Estado vén de unir forzas con diversas asociacións empresariais para achegar os seus servizos de xestión e computación na nube ao día da día das PEME españolas. A alianza está formada por multinacionais como Microsoft, Intel, HP, Nokia ou Vodafone, xunto con asociacións como CEOE, ATA e CEAT. A iniciativa en común chámase Plan de Competitividade, e nace, subliñan, como “resposta do sector TIC á imperativa necesidade de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas españolas a través dun emprego eficaz da computación da nube e das novas tecnoloxías en xeral”.
A computación na nube, cómpre recordalo, é un tipo de traballo empresarial que se realiza en liña, sen coñecemento na xestión dos recursos que se empregan e con total dispoñibilidade espacial e temporal. En definitiva, é como tirar abaixo as limitacións físicas dunha oficina e permitir a entrada de axentes e servizos externos que faciliten o traballo. Isto conséguese poñendo a disposición de quen non ten coñecementos de tecnolóxica, resumidas e democratizadas, as ferramentas de alta tecnoloxía.
A iniciativa da que estamos a falar conta co apoio do Ministerio de Industria e terá unha traxectoria de tres anos. O obxectivo é chegar a un millón de empresas e autónomos, co fin de “axudalos a adoptar as últimas solucións tecnolóxicas”, informan. As solucións virán acompañadas de formación e asesoramento sobre boas prácticas empresariais arredor das TIC.
O primeiro piar do Plan é o portal minegocio365.es, no que as compañías participantes amosarán casos prácticos a través de vídeos de PEME que xa fixeron seus os devanditos servizos da nube. Amais desta web, o Plan inclúe eventos e obradoiros que percorrerán a xeografía española nos vindeiros tres anos. Para comezar, lánzase a campaña Destino na Nube, estes 6 e 7 de marzo, un evento que chega á súa segunda edición e que reúne baixo un mesmo teito a 3.000 responsables de informática, desenvolvedores e arquitectos TIC.
En marcha un plan de multinacionais TIC para meter na nube ás PEME españolas
Compartir Este Artigo
