A directora xeral de Comercio, Nava Castro, participou esta tarde en Santiago na presentación para os comerciantes da zona do portal de comercio electrónico comerciogalicia.es. Esta plataforma posta en marcha en colaboración pola Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio permitirá, tal e como salientou Nava Castro, que os comerciantes galegos “combinen a súa actividade comercial tradicional coa venda a través de internet”.
Na súa intervención a directora xeral de Comercio animou aos comerciantes composteláns a sumarse a esta iniciativa, xa que indicou que “non só lles posibilitará abrirse a novos mercados senón tamén ofrecer novos servizos á clientela que xa confía neles no día a día”.
O portal, que permitirá ao sector ofrecer un escaparate conxunto para a venda a través de internet, ofrece servizos de envío e de pagos unificados, así como vantaxes como a venda por lotes, permitindo mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica.
Castro recordou que “o impulso á modernización e dinamización do comercio de proximidade é un dos eixos estratéxicos da actuación de Consellería de Economía e Industria” e lembrou que o departamento que dirixe Javier Guerra “ten en marcha un plan integral onde se plasma a estratexia comercial da Xunta: o Plan Ágora- Agora recomercia”.
Nava Castro anima aos comerciantes composteláns a unirse a comerciogalicia.es
Compartir Este Artigo
