Como ter éxito a través da innovación é algo que moitos empresarios e emprendedores levan anos intentando descubrir sen éxito, porén non por elo deixan de investir tempo e esforzos que os leven a acadar unha fórmula eficaz.
Para todos eles, e para aquelas persoas que precisan acadar financiamento para levar a cabo as súas accións de innovación, a Consellaría de Economía e Industria vén de organizar a Xornada i.20 Innovación Empresarial en Galicia, mediante a que se presentaron 20 casos de éxito de empresas que tiveron sorte neste senso.
As experiencias expostas neste evento celebrado na Coruña, que se poden ver e descargar de balde na Rede, puxeron de manifesto os importantes avances na innovación empresarial que sufriu Galicia, unha actividade empresarial que, en palabras do director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, “aumenta a confianza no futuro, porque fortalece a economía”.
Dous dos casos de éxito expostos neste evento chegaron da man das galega Cuevas e Nanogap, empresa esta última, xurdida no seo da Universidade de Santiago de Compostela que na actualidade é a única no mundo capaz de producir a nivel industrial partículas por debaixo do nanómetro.
Por outra banda, ademais das anteriores, outras dúas empresas revelaron de primeira man a maneira de conseguir financiamento para a innovación, no seu caso particular, a través do Fondo Tecnolóxico. Trátase de Castrosua e Cosman Muebles, que tiveron que reinventarse para poder saír da crise e que, no caso da segunda firma, logrou sobrevivir grazas á incorporación de melloras tecnolóxicas nos seus produtos.
As outras empresas galegas que serviron de exemplo pola súa aposta efectiva na innovación e que figuran no documento elaborado pola Xunta foron: Bit Oceans, Blu:Sens, Cenbimo, Conexiona Telecom, Conic Vascular, Cupa, Formato Verde, Galchimia, Igalia, Innolact, Marine Instruments, Neoker, Paco&Lola, Porto Muiños, Tekplus Aerospace e Umana, todas elas compañías de éxito que apostaron en maior ou menor medida pola innovación a través das TIC.
O director de I+D+i da Consellería de Economía e Industria lembrou que “os emprendedores capaces de pensar e actuar dun modo diferente contan co apoio decidido do Goberno galego” e apuntou que a Consellería que dirixe Javier Guerra “acompaña ás empresas no camiño da innovación”, de xeito que ten deseñado unha estratexia especifica incluída no Plan de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C).
Asemade fixo un recoñecemento especial ás 20 empresas que achegaron as súas traxectorias de éxito e que “comparten co Goberno da Xunta a aposta a prol da innovación empresarial galega”.
Dispoñibles na Rede os casos de éxito expostos na Xornada i.20 Innovación Empresarial en Galicia
Compartir Este Artigo

