O incremento das plataformas de comunicación e a mellora das conexións a Internet nos fogares españois, permitiron que nos últimos anos se multiplicaran de xeito exponencial as fórmulas das empresas para chegar a clientes e socios, abaratando a comunicación e facéndoa moito máis eficaz que antes.
Porén, malia todo, as feiras e congresos especializados seguen a ser a aposta segura das empresas de moitos sectores, que prefiren seguir investindo nestes escaparates físicos para dar a coñecer os seus produtos e servizos.
Unha boa maneira de aproveitar as vantaxes comunicativas de Internet coas das feiras e congresos tradicionais, son as feiras virtuais, uns eventos que cada día acaparan máis sectores e que permiten dar a coñecer os produtos e servizos de calquera empresa a través dun stand virtual habilitado na Rede, que funciona de xeito moi similar a un stand real.
O último exemplo deste tipo chéganos da man de Turgalicia, que promoverá os recursos e valores turísticos do noso país na Feira Conexión Spain Virtual, organizada por segundo ano consecutivo pola Oficina de España en Toronto, para Canadá e os EEUU.
Dende hoxe, e ata o vindeiro 15 de marzo, o turismo galego disporá dun stand de seu no que os visitantes virtuais poderán demandar información sobre a oferta turística dispoñible, así como todo tipo de consultas que serán atendidas directamente por persoal de Turgalicia.
Segundo afirman dende este organismo, a principal vantaxe de participar na feira é o aforro de custos, “xa que se evitan os gastos que ocasiona a organización dunha feira no mundo real, tales como a montaxe e a desmontaxe do stand, a decoración, o transporte e outros”, indican.
A outra vantaxe deste certame turístico virtual é a ampla accesibilidade que permite, ao posibilitar un acceso universal dende calquera lugar de Canadá ou EEUU, a calquera hora do día sen interrupcións.
Conexión Spain Virtual articúlase como un espazo de negocios real a través dunha contorna virtual, na que, xunto coa posibilidade de presentar os recursos e os produtos turísticos galegos a través de vídeos, fotografías e outros materiais de descarga, tamén se ten a oportunidade de recoller centos de referencias de profesionais norteamericanos que visiten o stand.
Ao remate da feira, responsables de Turgalicia indican que “o espazo permanecerá aberto durante o resto do ano, funcionando como escaparate de exposición continua para recoller as demandas dos visitantes a través dun buzón de mensaxería”.
Galicia promove o seu turismo en Canadá e EEUU a través dunha feira virtual
Compartir Este Artigo

