O Cluster TIC de Galicia vén de achegar máis detalles sobre a Axencia Estratéxica de Innovación, o programa da Plataforma Vindeira aprobado polo Cluster, para tirar o máximo partido social e económico da innovación tecnolóxico-dixital que xorde do noso tecido empresarial. Pois ben, segundo se informa na web, o desenvolvemento da Axenda contará con sete comisións para impulsar cada un dos proxectos seleccionados do seu seo. Estes equipos de traballo contarán cun coordinador xeral que terá o cometido de centralizar a información sobre o avance de cada iniciativa do programa.
Por certo que a sección do Cluster que se encargará de darlle forma e impulsar estes equipos (o grupo de traballo de Innovación e Demanda Temperá) reunirase o vindeiro 22 de marzo, na sede do Cluster, para programar os pasos a seguir en relación aos sete proxectos escolmados. As iniciativas en cuestión son estas:
· A peme do futuro, dedicado a desenvolver un modelo de pequena e mediana empresa xestionada ao cen por cen desde os recursos do cloud computing.
· O barrio dixital, que pretende poñer en marcha un piloto de SmartCity en Galicia, desenvolvendo e instalando plataformas de sensores asociados a cada un dos elementos físicos existentes nos barrios, para servizos públicos e privados, e con especial atención ao transporte e aos servizos de emerxencias.
· A escola 2.0, que desenvolverá ferramentas para que os centros educativos poidan funcionar cen por cen online, interconectando as escolas e os distintos membros da comunidade educativa.
· Fidelización do turista, que desenvolverá recursos dixitais para mellorar a experiencia de quen visitan a comunidade autónoma, con servizos de benvida, asistencia permanente e recomendación de contidos, entre outros. Por medio de aplicacións móbiles, web e helpdesk telefónico.
· Fidelización comercial, proxecto destinado a dotar ao pequeno comercio de ferramentas dixitais de marketing que lles permitan competir coas grandes superficies e centros comerciais.
· Desenvolvemento dun programa global de vida saudable por medios electrónicos, con recursos dentro do ámbito do fogar dixital asistencial e outros que se apoiarán en plataformas como a televisión interactiva, a telefonía móbil e internet.
· Desenvolvemento de ferramentas TIC para a eficiencia enerxética.
Pulo a sete proxectos galegos de innovación achegados dende Vindeira
Compartir Este Artigo
