Hai anos que deixamos de recibir nos nosos fogares as visitas de vendedores intentando convencernos de adquirir en cómodos prazos os volumes dunha enciclopedia en papel, e a empresa máis veterana do sector, a Enciclopedia Británica, vén de tirar a toalla tras 244 anos, de xeito que deixará de editarse en papel, polo que a última versión actualizada neste formato sería a de 2010 (con 32 volumes que sumaban un peso de máis de 58 quilogramos), mentres que continuará a explotar a súa edición en liña, que está continuamente actualizada e con contidos multimedia, deixando obsoleta a súa versión en papel, que queda agora como un mero obxecto de luxo ou coleccionismo.
Resulta evidente que o nacemento da Wikipedia hai 11 anos afectou seriamente ao negocio das enciclopedias, en boa medida por estar a aceptarse dentro da comunidade educativa, que é o público obxectivo deste mercado. Dende Encyclopaedia Britannica Inc. aseguran que o seu produto continúa a estar vixente pese á ferramenta colaborativa en liña, pois a súa información provén de fontes de prestixio, con datos máis rigorosos, o que tamén ten repercusións directas na súa cantidade de artigos (que é considerablemente menor que o da Wikipedia).
De todos os xeitos, non parece que polo momento Britannica estea en apuros, pois a súa enciclopedia en papel só supón o 1% dos seus ingresos, mentres que a súa páxina web xa chega ao 15%, correspondendo o resto de ingresos aos libros de texto para a docencia, negocio que tamén está a reformularse.
Reportaxe sobre o funcionamento actual de Encyclopaedia Britannica, no que inciden na súa aposta polos soportes dixitais
