O Programa de Voluntariado Dixital, do que xa temos falado en Código Cero para salientar a súa arela de tirar proveito da solidariedade galega no camiño da e-alfabetización, xa está a piques de ir desenvolvendo o seu plan formativo. A primeira xornada, formativa e informativa, celebrarase este martes 20 de marzo no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, a partir das 10.30 horas. O módulo en cuestión centrarase na definición dos obxectivos e alcance do devandito programa, que vén da man da Secretaría Xeral de Modernización. Os destinatarios potenciais do evento son todas aquelas persoas e organizacións adheridas ao Voluntariado Dixital e que desexen, así, compartir os coñecementos TIC coa sociedade galega, facendo especial fincapé en quen aínda non obtivo aprendizaxe dixital algún.
Entre os entes participantes directos deste primeiro elo da cadea estará o Cluster TIC Galicia, segundo informa na súa web, representado polo seu presidente, Gerardo Crespo Riestra. A xornada será inaugurada por Mar Pereira Álvarez, secretaria xeral de Modernización, e Ovidio Rodeiro Tato, director xeral de Xuventude e Voluntariado. Pola súa parte, o presidente do Cluster participará a partir das catro da tarde nunha mesa redonda titulada Experiencias de éxito no ámbito do voluntariado e as novas tecnoloxías. Crespo defenderá que as TIC ofrecen extraordinarias oportunidades para pór en marcha formas innovadoras de voluntariado e participación social, fará unha exposición sobre os principais retos aos que se enfronta o sector TIC galego e explicará cales son as principais liñas de traballo do Cluster.
A xornada tamén contará coa presenza de Cristina Novo Díaz, terapeuta ocupacional do Centro de Novas Tecnoloxías de Fingoi (Centro de Recursos de Persoas con Discapacidade – COGAMI Lugo), Juan Ramón Salido Rodríguez (voluntario dixital en COGAMI Lugo), María Luisa Ansorena Hortega, presidenta de FETEGA-U.D.P, Mª Jesús Blanco Pérez, traballadora social, Rafael Rodríguez Gayoso, presidente da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) e Charo Iglesias Granja, coordinadora da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos.
O CNTG acolle a semana vindeira a primeira xornada do plan de formación do Voluntariado Dixital
Compartir Este Artigo
