Voluntariado Dixital: búscanse internautas solidarios para a e-inclusión de tódolos galegos

venres, 27 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

No día a día dun internauta calquera, dunha persoa con coñecemento medio de tecnoloxía, hai moito de voluntariado. Quen máis quen menos, é requirido cada pouco, por familiares ou amigos, para explicar determinada cousa ou ensinar ao manexo dunha ferramenta específica dun servizo específico. Así, apenas hai internauta galego que non sexa ao mesmo tempo voluntario a prol da alfabetización dixital. Porén, unha boa parte do que se fai neste senso, faise a título individual. Achegar máis continuidade, máis coordinación e tirar partido do gran potencial que temos no camiño da e-difusión, é un dos obxectivos do Programa de Voluntariado Dixital impulsado pola Secretaría Xeral de Modernización e a Consellería de Traballo (Dirección de Xuventude e Voluntariado). O programa foi presentado este venres 27 en tódolos seus detalles, incluída a súa web, xa en activo.
A presentación desta iniciativa, destinada a favorecer a devandita alfabetización a través dunha gran liña de acción voluntaria que integra entidades e participacións individuais (apoiadas pola Xunta e os seus recursos TIC), contou coa presenza de Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, e máis Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude. Na sede do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), acompañados dunha boa parte dos principais representantes do panorama solidario galego, Pereira e Rodeiro fixeron fincapé nalgúns dos piares conceptuais, básicos, da proposta: potencial solidario galego para o desenvolvemento e a igualdade, compromiso xeral da sociedade galega a prol do desenvolvemento e da mellora de oportunidades, fomento da cultura de solidariedade. En palabras de Mar Pereira, “era preciso captar internautas voluntarios, potenciar tamén a participación das entidades de acción solidaria ao tempo que se tira o máximo partido dos recursos TIC que xa existen”. Estes son, voluntarios, entidades e recursos TIC, de feito, os tres grandes piares da iniciativa, aberta á cidadanía en xeral, pero con intención de facer especial fincapé nas persoas maiores e máis nos cidadáns en risco de exclusión.
De querermos participar nesta fronte común, o primeiro paso é acceder á páxina web da mesma, posta en marcha este venres 27, co fin de converterse en face visíbel e, tamén, lanzadeira e acubillo de actividades. Na web, tanto as persoas que queiran traballar a título individual (internautas cun coñecemento medio do emprego destas tecnoloxías), como as entidades potencialmente colaboradoras, deberán darse de alta.
O programa, informaron Mar Pereira e Ovidio Rodeiro, vai chegar este ano a máis de 3.500 persoas maiores e a arredor do 92% das persoas con diversidades funcionais que viven na nosa terra (as que forman parte das nosas asociacións).
Para o desenvolvemento do programa, dixeron, abriranse dúas convocatorias semestrais co fin de acadar a adhesión de persoas solidarias, entes e empresas. A primeira será o 1 de febreiro e “a partir de aí as entidades poderán incorporarse ao programa na web”.
Segundo fixo saber Ovidio Rodeiro na presentación do programa, este baséase nunha realidade fóra de toda dúbida: a importancia de acceder ao coñecemento para contribuír ao desenvolvemento persoal e social. “Cómpre mobilizar tódolos recursos posíbeis, non só dende os poderes públicos”, dixo. O programa ten como obxectivo canalizar un novo xeito de participación, a participación dos tempos 2.0. Calquera das 800 entidades que están arestora inseridas nos rexistros da Xunta terán á súa disposición un amplo abano de servizos e recursos de inclusión dixital, como por exemplo as 98 aulas da rede de aulas CeMIT, as máis de 300 bibliotecas públicas, os 79 centros sociocomunitarios, os 81 Centros de Información á Muller (CeDIM) “e outras infraestruturas que poñan a disposición do programa, tanto os mecenas como as entidades que colaboren nel”.
Obxectivos
Os obxectivos para finais de ano pasan por acadar a colaboración de 200 voluntarios, 100 entidades colaboradoras, entre entidades de acción voluntaria, empresas e outras entidades, e chegar a catro colectivos de persoas en risco de inclusión social e dixital.
Mecenas dixitais
Ao abeiro do programa tamén se fixan, amais das devanditas, dúas figuras máis de participación: organismos públicos e privados que representen intereses profesionais, académicos, empresariais ou sociais e as empresas privadas do sector TIC que actuarán como mecenas dixitais. Os primeiros realizarán accións formativas entre os colectivos, cedendo o uso dos espazos TIC e traballando na sección e asesoramento de voluntarios.
As segundas actuarán como mecenas dixitais contribuíndo de xeito económico na liña de formación, na infraestrutura e noutros bens, na cesión de espazos TIC ou apoiando en labores de comunicación.

PUBLICIDADE