O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR vén de coordinar a súa actividade coa da Fundación Observatorio Español de Acuicultura (OESA) para impartir xuntos un ciclo de obradoiros sobre a divulgación da ciencia no século XXI a través dos novos soportes tecnolóxicos como as redes sociais e outras ferramentas da web 2.0.
Os talleres, de carácter gratuíto, pretenden dotar de ferramentas e estratexias de divulgación do coñecemento científico a investigadores e axentes da I+D+i, co obxectivo de que sexan quen de difundir os resultados dos seus proxectos de investigación á sociedade e aos medios de comunicación “de forma eficaz e accesible”, afirman os organizadores.
O ciclo desenvolverase só en Galicia, Andalucía e Cataluña, e arrancará o vindeiro 27 de marzo no Puerto de Santa María en Cádiz, mentres que á nosa Comunidade, a iniciativa chegará o 24 de abril e desenvolverase na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR; ata alí acudirán especialistas de recoñecido prestixio no ámbito da comunicación e divulgación científica que complementarán os aspectos teóricos con exercicios prácticos.
Entre as diversas temáticas, os asistentes coñecerán as claves para ser un bo divulgador científico e saber difundir os seus proxectos de investigación tanto en medios de comunicación, como en redes sociais e outras ferramentas da web 2.0, así como aquelas técnicas que permitirán adaptar a información científica a unha linguaxe próxima en base aos destinatarios.
CETMAR organiza un taller formativo para difundir a ciencia a través dos novos soportes tecnolóxicos
Compartir Este Artigo

