Menus.es, servizo galego para desenvolver na Rede novos xeitos de promoción do noso sector hostaleiro e/ou gastronómico, vén de sumar un novo recoñecemento, logo de ter obtido, recentemente, o premio á innovación da Universidade de Santiago. Pois ben, agora a distinción á iniciativa vén da man da revista Hostalería Galega e Turismo e da Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo, organizadoras dos Premios Dagda, que se resolveron na Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia. O servizo Menus.es, que acubilla neste intre máis de 7.000 establecementos, coa arela de achegalos o máximo posible aos consumidores potenciais, foi recoñecido cun pergameo na categoría Iniciativas Profesionais.
Lembrar que Menus.es é unha proposta empresarial constituída en 2011 que ofrece información actualizada de menús, cupóns de desconto e restaurantes xeolocalizados de toda España a través da plataforma web do mesmo nome. Os usuarios poden acceder a información relativa ao menú de cada restaurante, distancia á que se atopan, prezo do prato, restaurantes concretos ou menús de distinta tipoloxía, entre outras posibilidades. Arestora xa desenvolven o seu labor no seo da empresa trece persoas, tres en Lugo, nove en Coruña e unha en Madrid, estando prevista a incorporación de dúas máis de xeito inmediato, informa a USC.
O servizo galego Menus.es, recoñecido nos Premios Dagda
Compartir Este Artigo
