A empresa galega Krasis, da que temos falado con motivo dos recoñecementos obtidos pola súa tecnoloxía social ou polos seus recursos en materia de creación de campañas en liña, vén de anunciar unha importante novidade no seu seo de cara á ampliación da súa presenza no mundo, alén das nosas fronteiras. Este labor de internacionalización, en boa medida centrado nas comunidades de profesionais TIC de fala inglesa, materializarase a través da súa división campusMVP.net, liña de negocio de formación para programadores. “Con esta nova liña centrada en ofrecer cursos para preparar certificados oficiais de desenvolvemento Microsoft”, informa Krasis, “a empresa chega aos mercados máis competitivos”.
Dito doutra maneira: a firma galega, en base a estas novidades, concorrerá con empresas de primeiro nivel dos Estados Unidos que levan xa tempo impartindo docencia en liña para programadores do xigante de Redmond.
A nova estratexia, como podemos supoñer, non vai ser doada. De feito, Krasis terá diante unha chea de retos, alén do propio feito, xa de por si complexo, de procurar novos escenarios afastados de actividade empresarial. Cómpre ter en conta que este labor de internacionalización encamíñase sobre todo a captar alumnos en mercados cunha elevada penetración de tecnoloxías de Microsoft, os EE UU pero tamén o Reino Unido, India, Australia e Canadá. “Nos devanditos mercados”, sinala a firma galega, “operan xa dende hai anos empresas de formación en liña que imparten cursos sobre servizos e ferramentas da multinacional creada por Bill Gates”.
A aposta de Krasis baséase en boa medida nas moitas vantaxes postas en xogo dende o seu campusMVP.net, virtudes que conseguiron afianzar esta división como compañía de primeira liña no seu ámbito dentro da comunidade de fala hispana. A fórmula do éxito, informa a firma galega, reside na conxugación dunha metodoloxía eficaz e unha plataforma de aprendizaxe a distancia (e-learning) propia “de primeirísimo nivel, moi por enriba dos estándares do mercado e cun equipo docente internacional de elite formado por salientables membros da comunidade de Microsoft”. Para facérmonos unha idea do nivel do seu traballo e da súa experiencia, cómpre ter en conta que moitos destes docentes foron recoñecidos como MVPS de Microsoft en varias ocasións, sendo tamén coñecidos relatores de eventos do plano internacional e autores de guías e manuais sobre estas e outras cuestións. “Con esta iniciativa”, engade Krasis, “a nosa empresa amosa de novo a súa determinación por ofrecer un servizo excelente para os nosos alumnos, achegando a formación de maior calidade en tecnoloxías Microsoft reforzada por unha metodoloxía encamiñada ao cen por cento a aprender e á posta en práctica dos nosos coñecementos no mercado laboral”.
A firma galega Krasis lánzase á formación sobre tecnoloxía de Microsoft no eido de fala inglesa
Compartir Este Artigo
