O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e o alcalde de Cangas, Enrique Sotelo, asinaron o convenio de colaboración para a instalación de equipos emisores de TDT para a extensión de cobertura no concello de CangasA Xunta de Galicia colabora co Concello de Cangas na mellora da recepción do sinal de televisión dixital terrestre na localidade, tal e como se recolle no convenio asinado hoxe polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e o alcalde do municipio, Enrique Sotelo. Neste acordo inclúese a instalación do centro emisor de Piténs, que dá cobertura a Aldán e O Hío, e tamén a mellora dos equipos e da cobertura do centro emisor de A Magdalena, cun investimento total de 70.000 euros. Trátase dunha actuación máis das realizadas pola Xunta de Galicia para, mediante un Convenio Marco co Estado, estender a cobertura da TDT ata alí onde non chegaba a rede principal despregada polas televisións públicas e privadas. Desde o ano 2009 instaláronse 291 centros emisores de extensión de cobertura na maior parte dos municipios de Galicia, o que supuxo un investimento de 12 millóns de euros de fondos públicos. Imaxes dos centros emisores de Piténs e MagdalenaEstas instalacións foi posible grazas á colaboración cos concellos, que a través de convenios como o asinado hoxe en Cangas, permitiron a instalación dos novos equipos de TDT que substituían os obsoletos emisores analóxicos. Así, mentres que a Xunta se fixo cargo do subministro e instalación dos novos equipos, os concellos se encargaron das infraestruturas necesarias, casetas, torres e acometidas eléctricas. Nesa liña, e tras a instalación dos novos equipos, en virtude do acordo asinado hoxe, o Concello de Cangas asume o mantemento das infraestruturas, do poste e a caseta de Piténs, así como da liña eléctrica que dá servizo. A Xunta de Galicia, pola súa banda, e a través da empresa pública Retegal, farase cargo de manter o centro emisor de TDT de A Magdalena e os equipos emisores de TDT de Piténs, así como as futuras melloras en canles e novos servizos de TDT que vaian aparecendo.