A empresa galega Edisa deu a coñecer máis novidades sobre un dos seus piares fundamentais de actividade, o software de xestión empresarial Libra, logo de que hai uns días anunciara a achega dun vídeo divulgativo sobre a devandita plataforma. Unha das novidades desta semana tamén ten que ver con Libra, dun xeito que implica a actividade directa do usuario. Consiste nun acceso web, en probas, para probarmos en detalle o ERP-CRM Libra na súa última versión, executando a través da Rede con Oracle 11.
Segundo informa Edisa, a través disto atoparemos “parametrizados os circuítos de traballo máis habituais, incluíndo o Xestor Documental e distintos exemplos da xestión por procesos, módulo BPM”. Asemade, poderemos introducir novos datos, solicitando que a creación de nova información estea na liña dos datos xa existentes, sobre todo no que se refire aos diferentes mestres da aplicación. O acceso, que podemos crear xa como canle no escritorio, está xa dispoñible. Para poder facer uso desta dispoñibilidade, dicir que o usuario de entrada deberá ser “Edisa”, sen que sexa preciso contrasinal.
Amais do devandito, a empresa galega achégalles aos clientes un acceso directo para probar a súa solución de mobilidade en liña, especialmente dirixida a directivos, delegados e axentes comerciais, técnicos de venda ou reparación, en definitiva calquera persoa que precise servizos de mobilidade de alta prestación.
Esta solución ten a súa orixe en 2010, ano en que Edisa comezou a desenvolver unha ferramenta que permitise operar dende os dispositivos con meirande presenza no mercado actual, como o iPad, o iPhone ou tódolos trebellos co sistema Android. “Dende un primeiro intre”, engade a empresa, “estivo presente estender a funcionalidade a outros módulos de Libra nos que fose un aspecto importante a mobilidade; nestes intres a solución abrangue xa un bo número de opcións, entre as que se contan servizos de CRM, vendas-distribucións, cobros, xestión documental, visualización de indicadores ou mantemento (apertura e peche das ordes, imputación de materiais e de tempos, etc)”. Para probar este servizo, dende un móbil ou dende o computador, directamente, deberemos entrar na Rede co seguinte nome de usuario e contrasinal: Edisaweb. Se o que queremos é probar a solución coa recollida de sinatura, poderemos facelo tamén noutra ligazón de Edisa, entrando co mesmo nome e contrasinal.
Edisa achega un acceso de probas a Libra e ao seu servizo de mobilidade en liña
Compartir Este Artigo
