Este ano en curso, para quen non o saiba, celébranse douscentos anos do nacemento de Charles Dickens, un dos grandes creadores da literatura inglesa e mundial, plenamente vixente e responsable, de xeito en maior ou menor medida directo, de que determinado tipo de acontecementos, xeralmente tristeiros (como o medre da pobreza que estamos a vivir), caian unha vez tras outra nunha mesta etiqueta: a etiqueta do dickensiano. Amais disto, Dickens é responsable, indirecto, dunha chea de filmes sobre os personaxes aos que deu vida: Oliver Twist, David Copperfield, pequena Dorritt, etc. Pois ben, co gallo da súa celebración, tamén ten responsabilidade nunha chea de páxinas web.
Dentro do ámbito do galego, é importante subliñar o que se nos conta da súa vida e da súa obra na Galipedia, e tamén lembrar as achegas de Xerais, Galaxia ou recentemente Kalandraka, tanto informando do seu legado como traducindo parte da súa obra.
Para os despistados e os que se meten no Google sen ver, e tal e como nos recordan dende o blog Xavedes, dicirlles que o pasado 7 de febreiro o famoso buscador celebrou a figura de Dickens cunha das súas moi comentadas feituras específicas do día (doodle). E para quen ande na procura dunha achega en liña máis oficial, lembrarlle que xa está en marcha Dickens2012.org, unha web, que como o seu propio nome indica, serve de fonte de información para as diferentes actividades internacionais de reivindicación e de recoñecemento arredor do escritor inglés. Tamén cómpre salientar, entre outras achegas, a páxina web do Dickens Birthplace Museum, emprazado na cidade natal do autor de Oliver Twist, Postmout, localidade marítima situada a cen quilómetros de Londres. Volvendo ao ámbito galego, cómpre facer fincapé na entrevista que recentemente se lle fixo a Moisés Barcia, en Dioivo.com, sobre a importancia de non perder nunca de vista o legado de Dickens, hoxe en día ben vixente pola solidariedade que amosou coa xente que ficaba, polas inxustizas dun sistema que semella que non cambiou moito, ao outro lado do benestar social e económico. Tamén se reivindica a figura do escritor inglés na columna de Xosé Lois García do día 20, en Galicia Hoxe, onde se fai fincapé na curiosa e significativa coincidencia entre dous feitos, as protestas destes días por mor da crise, os axustes e a reforma laboral, e o aniversario do nacemento de Dickens.
A celebración dos 200 anos do nacemento de Dickens espállase na Rede
Compartir Este Artigo
