Contact Comunicación, empresa galega recentemente premiada pola Asociación Ineo con motivo das múltiples vantaxes e potencialidades de Orama (tecnoloxía para facer do noso móbil unha xanela á información total dunha cidade), ten unha novidade importante que amosar no eido da telefonía como recurso multiuso de coñecemento. Máis polo miúdo, trátase dunha aplicación móbil para A Ruta do Viño das Rías Baixas, desenvolvemento que lle vai achegar a quen acceda ao itinerario información completa sobre tódolos recursos, turísticos, hostaleiros, gastronómicos, culturais, aos que dá acubillo.
A aplicación, informa Contact, pódese descargar de xeito gratuíto, e preséntase dispoñible para os sistemas operativos Android e iOS. O desenvolvemento, que inclúe a posibilidade de emprazar xeograficamente calquera dos recursos nun mapa (co fin de facer máis doada a orientación do viaxeiro e establecer unha ruta guiada mediante GPS), achégase como unha ferramenta de consulta de datos a través de tecnoloxías avanzadas de realidade aumentada. Tamén incorpora un buscador para facilitar a localización dos datos sobre unha cuestión concreta do itinerario e unha axenda de eventos para poñernos ao día sobre espectáculos e celebracións que se organicen no roteiro e que podan ser de interese para os visitantes.
Contact achega para iOS e Android unha aplicación sobre a Ruta do Viño das Rías Baixas
Compartir Este Artigo
