A Rede está a apoiar unha actividade que nos colle ben de preto e que serviría para pór de manifesto, unha vez máis, as causas directas dunha situación de seca na nosa terra da que non se teñen rexistros equivalentes dende que se comezaron a facer rexistros. Falamos do quecemento da terra e da iniciativa A Hora do Planeta, unha mobilización internacional que nos convida a apagar as luces, este sábado 31 de marzo, entre as 20.30 e as 21.30 horas. A convocatoria, nun plano TIC, conta co apoio firme de empresas como Yoigo, Orange, Vodafone ou Nokia, de entidades de referencia xeral como por exemplo a Asociación de Consumidores ou de institucións galegas como a Universidade de Vigo.
Para quen queira máis información sobre quen se suma á iniciativa e que implicacións pode ter na loita contra o quecemento, dicirlle que hai unha web específica en castelán, posta en marcha pola organización promotora do evento a nivel internacional: WWF. Segundo se informa dende esta páxina, o apagamento enerxético deste sábado, en caso de obter suficiente seguimento, vai ter amplo potencial para pór de manifesto, diante das institucións públicas e das empresas, a importancia de implicalas (e implicármonos) nas políticas que contribúan a evitar o cambio climático, cuxas consecuencias, á vista está na nosa terra e sobre todo en amplas zonas de África onde non chove dende hai anos, comezan a ser especialmente dramáticas.
O esforzo, a fin de contas, non é tan grande: unicamente unha hora de luces apagadas. Segundo se informa dende a Universidade de Vigo, A Hora do Planeta ten a súa orixe hai seis anos, da man da ONG WWF e consiste nunha iniciativa que chama a todos os cidadáns do mundo a implicarse co lema Apaga a luz, acende o planeta. E prosegue: “A Universidade de Vigo leva varios anos participando na Hora do Planeta que, neste 2012, se celebra o vindeiro sábado 31 de marzo, un día no que de 20.30 h a 21.30, todos estamos convidados a apagar a luz; as instalacións dos tres campus quedaranse a escuras durante os 60 minutos adheríndose a unha mensaxe clara: entre todos podemos salvar o Planeta”.
Empresas TIC pechan fileiras arredor de A Hora do Planeta, este sábado a partir das 20.30
Compartir Este Artigo
