Os móbiles de última xeración que hai agora no mercado non só permiten chamar, enviar sms, tirar fotografías, xogar, facer a lista da compra ou escoitar música, entre outras moitas cousas, tamén permiten gravar vídeos de calidade que lles permitan aos autores gañar atractivos premios tecnolóxicos, iso si, sempre e cando consigan reunir máis seareiros que ningún outro na rede social Facebook.
E é que o I Concurso de Curtas co móbil organizado pola Rede CeMIT da Xunta de Galicia consiste precisamente niso, en realizar pezas audiovisuais co móbil que desborden creatividade, para que, unha vez subidas á web oficial en Facebook, reúnan o maior número posible de votos mediante o sistema “gústame”.
O xurado xa escolleu as pezas finalistas, o prazo para votar polos vídeos que máis nos gusten aos internautas abriu esta mesma semana e estará aberto ata o vindeiro 20 de maio, tempo máis que suficiente para ver con detemento as 22 curtametraxes presentadas ao concurso e votar polas que consideremos máis orixinais.
Todas as persoas que queiran participar no concurso e cos seus votos axudar a decidir as pezas gañadoras, só poderán votar pola súa curta favorita unha soa vez, de maneira que non se perturbe o resultado da votación e, en palabras da organización, “resulten gañadores aquelas obras que sexan maioritariamente apoiadas”, sen trampa nin cartón.
En total presentáronse 22 curtametraxes realizadas co móbil por mozos e mozas matriculados na ESO ou no Bacharelato de oito centros educativos da Comunidade galega. Da provincia da Coruña participaron o CPI de Xanceda, Mesía o IES Eduardo Pondal de Santiago, o IES Terra de Soneira deVimianzo, o CPI O Cruce de Cerceda. Da provincia de Pontevedra o IES Manuel García Barros da A Estrada, o IES Ramón Cabanillas de Cambados e o IES María Soliño de Cangas. E da provincia de Ourense o Colexio María Inmaculada de Verín.
Este concurso, que se convoca por primeira vez na Administración autonómica a través de Facebook, ten como finalidade “non soamente espertar a creatividade audiovisual dos estudantes, senón fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no campo da formación e coñecemento das novas tecnoloxías”, afirman os responsables, “algo que xa se viña ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta (CeMIT) do seu concello ou comarca”, engaden.
As 22 curtas que entraron nesta fase final, realizadas de xeito individual ou colectivo por mozos e mozas entre 14 e 20 anos de idade, destacan pola súa calidade e orixinalidade, e mostran a destreza que tiveron os participantes á hora de plasmar a temática escollida pola organización: o impacto das TIC na vida cotiá dos creadores e creadoras.
Os e as estudantes participantes contaron coa axuda activa da comunidade educativa dos seus Centros de ensino e dos responsables das aulas CeMIT, que se encargaron da difusión, resolución de dúbidas, validación e recollida das inscricións e traballos presentados a concurso.
Os tres primeiros equipos clasificados recibirán cadanseus 5 iPods para os integrantes do grupo, así como un Netbook para o primeiro, unha videocámara para o segundo e unha cámara fotográfica para o equipo que quede en terceiro lugar.
Aberto o prazo para votar polas mellores curtas realizadas co móbil
Compartir Este Artigo

