Vindeira, a plataforma galega das novas tecnoloxías, puxo en marcha a finais da semana pasada o seu centro de formación, dedicado en boa medida a achegar coñecementos de valor sobre estratexias de promoción, dirección de proxectos ou innovación aplicada aos modelos de negocio. A Vindeira Venture Academy (@VindeiraVA) é unha iniciativa dirixida, en definitiva, a facilitar o camiño dos novos empresarios nun mercado que por forza non debe ter límites. A Academia está vinculada ao Encontro Vindeira Capital que promove o Cluster TIC Galicia. O centro de formación vén da man da dita plataforma e máis da Consellería de Economía.
O obxectivo, máis polo miúdo, é axudar a un grupo de emprendedores seleccionados da área das novas tecnoloxías “a completar e mellorar a presentación dos seus proxectos, para amosalos ante posibles investidores durante a celebración do devandito Encontro, o VCN 2012, que se vai desenvolver os días 10 e 11 de maio”.
As sesións da Vindeira Venture Academy comezaron o día 30 en Santiago no edificio Emprendia, cun acto de apertura no que participou o director xeral de Xesgalicia, Juan Cividanes, quen expuxo as posibilidades de financiamento que achegan os fondos Xes-Innova e i2C. O encontro VCN 2012, sinala o Cluster TIC, é o último chanzo dunha iniciativa que pretende xuntar a tódolos implicados do fenómeno tecnolóxico-dixital baixo un mesmo acubillo. É dicir: a quen avalía os mercados e os produtos (presentes e futuros), a quen vai dirixir as rendas das empresas e a quen atesoura os investimentos para a posta en marcha de novas empresas ou produtos. Na edición deste ano, engádese, está prevista a participación de preto de medio cento de investidores, tanto galegos como do eido estatal e internacional, “que favorecerán o inicio de novas roldas de financiamento e afianzarán a rede de apoio á creación de start-ups do sector TIC en Galicia”.
VCN 2012 está organizada por Vindeira-Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, XES Galicia, BIC Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, e promovido polo Clúster TIC Galicia e o IGAPE, coa colaboración de Uninvest/Unirisco.
En marcha a academia de formación para emprendedores TIC de Vindeira
Compartir Este Artigo
