
A presentación desta edición 2012 de ConCiencia veu da man de Jorge Mira, impulsor e principal face visible da iniciativa, a maiores profesor da USC, quen salientou por unha banda a importancia de contar para as principais actividades coa Cidade da Cultura e, pola outra, coa presenza en Santiago de Compostela, os vindeiros meses, dos científicos Ei-ichi Negishi e Tim Hunt. O primeiro deles, sinalou, é un dos principais responsables da reforma da arquitectura da vida, atopándose entre os seus logros o de ter conseguido que os átomos de carbono se unisen dun xeito que non se vira antes.
Ei-ichi Negishi, da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química e os achados abríronlle as portas a múltiples vieiros de actividade industrial, agrícola ou médica. A súa arquitectura salienta pola súa complexidade e polo potencial para mellorar, de xeito asombroso, a eficacia química orgánica sintética.
Pola súa parte, Sir Tim Hunt, Premio Nobel de Medicina en 2011, é outro representante das Ciencias da Vida, cousa que para Jorge Mira é unha interesante coincidencia, ao contar a USC co Campus Vida, referencia internacional na investigación biolóxica, médica ou química.
Hunt, que centra unha boa parte do seu traballo na loita contra o cancro, descubriu, ao abeiro da reprodución celular, un compoñente chamado ciclina, cíclico e temporal, que é o que regula a división das células. Os seus achados son fundamentais dende o punto de vista médico e biolóxico, e máis se temos en conta que das devanditas proteínas, as ciclinas, parece depender en boa medida que o proceso de distribución xenética (con feitura de cromosomas) se faga ben ou mal. De darse dun xeito incorrecto, estaríase a favorecer a aparición de cancro.
Hunt, que visitará a USC a comezos de maio, leva a cabo os seus traballos no Imperial Cancer Research Fund do Reino Unido. O seu relatorio público será o mércores 9 ás 20.00 horas, na Cidade da Cultura.
O acto de presentación deste martes, celebrado no Consorcio de Santiago, contou tamén coa presenza do reitor Juan Casares Long e máis do alcalde da cidade (e presidente do Consorcio), Xerardo Conde Roa.
Programa ConCiencia
O obxectivo de ConCiencia, programa iniciado en marzo de 2006 co científico suízo e Premio Nobel de Física en 1986 Heinrich Rohrer, é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional. A presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da Física, a Química, as Matemáticas ou a Medicina -nestes seis pasados anos vinte Premios Nobel, dous Premios Abel e un Turing- débese en gran medida aos vencellos existentes entre o cadro de investigadores da USC e estes persoeiros.
ConCiencia traerá a Santiago a dous recentes Premios Nobel das Ciencias da Vida
Compartir Este Artigo
