A empresa Aukor, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de rematar o desenvolvemento do que aseguran ser o “primeiro sistema integral de xestión dotado con intelixencia artificial para a industria do sector agroalimentario”, que xa de entrada resulta de utilidade para as plantas de procesamento de cereais (fariñeiras, panificadoras e fábricas de pensos, entre outras), e que co tempo pode atopar outras áreas de aplicación conforme se vaia perfeccionando e estendendo o seu uso.
Trátase dun sistema de control integral mediante intelixencia artificial que, segundo afirman os seus deseñadores, “é quen de tomar decisións que ata o de agora se tiñan que realizar mediante monitorizacións e correccións manuais”.
Xa que logo, o mecanismo pode anticiparse e actuar de xeito intelixente sobre os procesos de fabricación dos produtos, seguindo unhas pautas establecidas e integrando novo coñecemento mediante un proceso de autoaprendizaxe, “o que lle permite optimizar o rendemento da planta para que sexa máis eficiente e segura ao longo de todo o proceso produtivo”, afirman.
Os seus fabricantes poñen como exemplo de eficiencia o rexeitamento automático de lotes que non acadan os estándares de calidade esixidos, ou tamén a corrección de cantidades de produto para acadar os niveis nutricionais axeitados, por exemplo, dos pensos.
Segundo explica o director xeral da empresa, Carlos Sampayo, “o sistema funciona de maneira similar a un xogo de xadrez nun ordenador: con base a unhas regras e tomando como referencia o histórico de partidas e movementos, elixe a mellor xogada en cada momento, superando a decisión humana”, concreta.
A empresa, que se atopa na fase de comercialización do produto, contou para o desenvolvemento do sistema coa colaboración de investigadores da Universidade Autónoma de Madrid e da Universidade de Colonia (Alemania), que achegaron o coñecemento necesario para a dotación de intelixencia artificial.
Unha vez chegada á fase de internacionalización, a firma galega prevé levar o servizo a Polonia, Turquía, Rusia e Marrocos, fundamentalmente.
Intelixencia artificial galega para a industria agroalimentaria
Compartir Este Artigo

