Se hai cousa de 70 anos houbesen existido Internet e as redes sociais, seguramente o día a día dos nosos avós e antepasados que se viron na obriga de emigrar para poder manter ás súas familias, sería totalmente diferente.
Para comezar, a morriña, sempre presente aínda hoxe (non nos enganemos), sería máis levadeira, e o contacto cos seres queridos e amores de verán podería ser posible na distancia por moitos quilómetros que os separaran da persoa emigrada.
Tampouco habería que agardar semanas a que chegara a correspondencia coas novas acaecidas no lugar, nin enviar cartos ou fotografías de gran valor sentimental por correo ordinario, correndo o risco de que non chegaran nunca ao seu destino.
O exemplo de que a realidade sería moi distinta témolo nos máis de setenta mil galegos en idade de traballar que segundo datos do INE se atopan fóra de Galicia, que dende a Asociación Alba de Groria deron en chamar “a nova emigración 2.0”, e que se trata dunha diáspora que está conectada a Galicia permanentemente a través das redes sociais e das demais Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
Esta nova emigración 2.0 tamén é máis crítica coa realidade social e política ca os seus antecesores emigrados dende finais do século XIX, e están ao día do que sucede na súa contorna natal, case máis que os que viven preto dela.
Esta Asociación, preocupada por revelar a situación desta nova xeración de emigrantes alén das nosas fronteiras e estudar as consecuencias que traerá esta emigración masiva de xente moza, está a traballar nun documental audiovisual sobre a Nova Diáspora Galega, coa que chamar á reflexión de toda a sociedade.
O traballo consiste en atopar galegos residentes no estranxeiro e darlles voz, para que tanto en Galicia coma fóra da comunidade se coñezan as súas historias.
Desde xeito, en palabras dos seus responsables, “poderemos analizar en profundidade o novo perfil de emigrante, a súa relación coa terra, o contexto en que se produce a nova onda migratoria e que repercusións ten e terá o fenómeno para Galicia”.
“Trátase de conectar a xente do país – afirma o presidente de Alba de Groria, Silvio Falcón – coa realidade da diáspora e viceversa. Galiza é a síntese desas dúas realidades, e non debemos esquecelo“, resalta.
O proxecto audiovisual, que se está a difundir a través das redes sociais e do blog Documental Diáspora para chegar a un maior número de persoas, chama á colaboración dos galegos e galegas que residan no estranxeiro e que, segundo a Asociación, “xogarán un papel importante á hora de modelar o resultado final”.
A Asociación Alba de Groria traballa nun documental audiovisual sobre a nova diáspora galega
Compartir Este Artigo

