
A xornada, informa Ineo, serviu para amosar en todo detalle as devanditas alternativas e, tamén, para pór de manifesto a importancia de desenvolver “un bo plan de negocio e saber identificar os posibles riscos dos proxectos para poder así acceder ao crédito”, e todo nuns tempos, os que estamos a vivir, nos que calquera acceso desta índole semella presentarse coma unha costa arriba.
O obradoiro, que se desenvolveu no Pazo da Cultura de Pontevedra, foi inaugurado por Lucía Gregorio, directora xeral de Ineo, e máis por José Valenzuela, presidente de AJE Pontevedra. Como dixemos, na xornada participaron arredor de 30 novos profesionais do noso eido tecnolóxico-dixital co fin de coñecer, da man de expertos e representantes de entidades empresariais e públicas, os camiños a seguir arestora en materia de crédito público e privado. Asemade, tamén foron parte activa da xuntanza varios representantes do noso panorama financeiro.
Os investidores presentes na xornada, informa Ineo, valoraron de xeito moi positivo a implicación dos emprendedores, “xa que o feito de que estes crean firmemente en cadanseu proxecto, é o primeiro paso para que outros axentes económicos e sociais crean tamén en cada un deles”.
Entre os intres máis salientables do obradoiro situouse a mesa de traballo con entidades financeiras. Foron dúas: unha con Víctor Casal, director de Empresas de Novagalicia Banco e outra con Ángel Álvarez Prego, director de Empresas de Pontevedra e Ourense do Banco Sabadell. Ámbolos representantes do tecido bancario atenderon as dúbidas que foron xurdindo entre os participantes, centradas sobre todo nos criterios que se usan nas entidades financeiras á hora de conceder apoios para a consolidación dun proxecto empresarial.
Tamén interviñeron no obradoiro Guillermo Viña, xerente de IgapeNova, Juan Manuel Cividanes, director xeral de XesGalicia, e Leonardo Pérez Valverde, técnico do Servizo de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo. O seu obxectivo era o de informar aos participantes no evento das axudas autonómicas ao emprendemento. Polo que respecta aos apoios estatais, foron debullados por Emilio Iglesias, do CDTI e Ana Martínez, técnica da Área de Xestión Mediación do ICO. Pola súa parte, José Manuel García, en representación do Consello Galego de Cámaras, centrou a súa intervención en achegar unha serie de recomendacións á hora de presentarmos un proxecto empresarial e poñer do noso lado, do xeito máis inmediato e firme posible, aos investidores potenciais. Maite Cancelo, directora xeral de BIC Galicia, falou no obradoiro do novo portal Obxectivo Emprendedor TIC. O evento foi clausurado por Jorge Cebreiros, presidente de Ineo, e Daniel Ramos, presidente de AJE Galicia.
Máis de 30 emprendedores puxéronse ao día en financiamento no obradoiro de Ineo e FEGAXE
Compartir Este Artigo
