O Centro Demostrador TIC de Galicia acolle mañá a presentación dunha plataforma tecnolóxica para optimizar a xestión das estacións de servizo e gasolineiras do noso país, que organiza a empresa PROM Sistemas Informáticos, afincada en Ourense.
A xornada vai dirixida aos responsables e traballadores deste tipo de establecementos e dará comezo a partir das 10:00 horas, para, durante unhas 3 horas, afondar nos distintos aspectos e vantaxes que presenta a plataforma modular Alf@ ERP Hidrocarburos, deseñada para cubrir as necesidades actuais do sector dos hidrocarburos na venda e distribución de carburantes.
A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC.
Alf@ ERP Hidrocarburos é un sistema de control total do negocio para empresas relacionadas co sector de hidrocarburos que permite automatizar todas as actividades de xestión que se teñan que levar a cabo nelas.
Desta maneira, permite controlar, entre outras cousas, a entrada e saída de carburantes, levar a contabilidade, controlar os surtidores e o stock de combustible, despachar todo tipo de produtos tanto da tenda de alimentación e bebidas como dos accesorios do automóbil, e mesmo manexar as contas correntes das empresas que se abastecen no establecemento, o que libera aos empregados e xestores dunha boa carga de traballo e responsabilidade.
As persoas asistentes á sesión demostradora poderán comprobar de primeira man cómo este programa galego de xestión para estacións de servizo resolve as súas necesidades de control, “sumándolle ademais, a velocidade de operación e emisión de comprobantes”, indican os seus responsables.
“Así”, engaden, “constitúe unha solución deseñada para cubrir todos os requirimentos diarios, complementada cun programa de xestión comercial que permite levar a administración completa do negocio (xestión e administración comercial, fiscal, financeira e analítica)”.
A sesión rematará ao mediodía coa presentación dunha solución innovadora de Terminal de Venda e Autopago desatendido, adaptable, segundo afirman, a todo tipo de surtidores, que estará instalado no Centro Demostrador TIC para facilitar que os asistentes poidan comprobar in situ as vantaxes que pode proporcionar ao seu negocio.
Mañá celébrase no CDTIC unha sesión demostradora de solucións TIC para estacións de servizo e gasolineiras
Compartir Este Artigo

