
Así, entre as meirandes eivas que a organización lle atopa, salientan sobre todo a cantidade de organismos e institucións que fican fóra da obriga de transparencia, como por exemplo a Casa Real, o Banco de España, os partidos políticos, as organizacións sindicais e patronais, etc. Isto significaría, para comezar, que o que vale para uns (nós os cidadáns de a pé), xa non valería para outros, atopándose entre estes “outros” algúns dos que máis, sobre o papel, deberían estar obrigados a seren transparentes, en liña e fóra dela.
Tamén é de salientar, prosegue a organización, a cantidade de excepcións que inclúe a lei; “excepcións ambiguas” e que permiten unha interpretación extensiva do devandito regulamento, cousa que fará que na práctica sexa imposible de aplicar, engaden. Hai múltiples exemplos destas excepcións, sinalan, como por exemplo as funcións de tipo administrativo de vixilancia e control, os intereses económicos e comerciais ou mesmo a política económica. “Cando a información solicitada afecta aos conceptos devanditos entón a Administración non terá obriga de responder”, apuntan os Piratas.
Pero hai máis, din. Cando se fala de que non terán obriga de responder fálase de que o proxecto “non só elimina o silencio administrativo senón que o institúe no seu artigo 17.4 ao declarar que unha solicitude de información poderá ser respondida… non respondendo”. Para os Piratas, outra das grandes eivas da iniciativa refírese de xeito directo ás novas tecnoloxías da información, a cuestión que nos ocupa. Así, sinalan, percíbese no seu seo a ausencia dunha interface telemática máis eficaz que a prevista, amais duns recursos que garantan que as consultas que se fagan por estes e outros medios sexan totalmente anónimas, co fin de asegurar “verdadeira transparencia”. A maiores, tamén ven “claros sinais de insuficiencia” no feito de que non se asegure que a información veña en formatos abertos e libres de licenzas, ou que non se priorice o uso de Internet para obter esa información.
Para dar conta de todo isto, os Piratas xa habilitaron na Rede un documento (en pdf) coas propostas que lle enviaron ao Goberno central en resposta á súa consulta cidadá.
Os Piratas de Galicia lanzan duras críticas ao proxecto de Lei de Transparencia
Compartir Este Artigo
