Este luns 16 de abril presentouse no Centro Ágora da Coruña a gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 2011, a celebrar o sábado 28 de abril no auditorio Gaivota de Palexco, na Coruña. Baixo a dirección do director Ángel de la Cruz e presentada pola actriz María Castro, a cita fará un percorrido “ácido e autocrítico”, en palabras dos responsables da Academia Galega do Audiovisual (organizadora), polas crises ao longo da historia, concluíndo que “toda crise pasada foi sempre peor“. A entidade do noso audiovisual entregaralle Premio de Honra Fernando Rey 2011 a Dolores Ben.
Interviñeron na rolda de prensa Jorge Coira, vicepresidente da Academia; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Juan Carlos Fernández Fasero, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); a actriz María Castro, quen asumirá o papel de mestra de cerimonias na cita que conclúe esta edición 2011 dos premios. Tamén participaron na presentación deste luns Mª Dolores Faraldo Botana, vicepresidenta 1ª e presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade, Deputación de A Coruña; e María Liaño, produtora executiva da gala.
Nesta entregaranse galardóns en 28 categorías diferentes para as que están nomeadas 107 producións. Entre os proxectos que acaparan máis candidaturas están a serie de televisión Matalobos, con 15 nomeamentos; a longametraxe de ficción Doentes, con 13; a longa de animación Engurras (da que temos falado na web de Código Cero, con motivo dos seus recoñecementos e das súas fondas implicacións na Rede) con 8; a longa documental Tralas Luces, con 6; e a longametraxe para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, tamén finalista nun total de seis categorías.
Premio de Honra Fernando Rey
No transcurso da gala dos Premios Mestre Mateo 2011, a Academia Galega do Audiovisual entregará o premio de honra Fernando Rey 2011 a Dolores Ben Pena, da que cómpre salientar, en palabras da institución, “unha decidida aposta polo audiovisual do país, que vén demostrando nos últimos 20 anos de traballo a prol do sector”.
Malia ter estudado arquitectura en Madrid, esta empresaria galega comezou a súa vida profesional sendo técnica de son na discográfica Hispavox, para despois fundar en Vigo a compañía de Son e Dobraxe Sodinor, empresa de referencia na dobraxe cinematográfica, e máis recentemente, en Compostela, Cinemar Films, único estudio de postproducción de son en Galicia e dos poucos de España homologado por Dolby. Cinemar realizou mesturas de longametraxes como Celda 211, Agallas, A metade da Vida, The way, Secuestrados, A tropa de trapo, 18 Comidas, Tralasluces, Lobos de Arga ou Arrugas.
Dolores Ben compaxina a súa labor empresarial coas presidencias da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e da Asociación de Empresas de Dobraxe de Galicia (AITEGA), “coas que amosa a súa preocupación por contribuír ao fortalecemento do sector”. Tamén forma parte da xunta directiva da Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais Españois (FAPAE) e do comité de selección de proxectos de películas para televisión e series de animación do ICAA. Participou no Congreso dos Deputados da tramitación da Lei del Cine 55/2007.
