Esta semana puidemos saber que o panorama político europeo vai seguir mudando en datas vindeiras, probablemente para ben, co reforzamento dunha fronte común integrada polos diferentes partidos piratas da UE, é dicir, partidos ligados directamente á defensa do coñecemento libre na Internet, á transparencia en xeral na información e á liberdade en calquera das súas manifestacións e feituras. A fronte non é outra cousa que unha nova formación política para o eido da Unión Europea, os Piratas Europeos, nutrida dos diferentes grupos que integran A Internacional de Partidos Piratas.
O acordo foi tomado en Praga, ao abeiro da asemblea anual da devandita coalición. O documento foi asinado nun comezo pola eurodeputada da representación sueca, Amelia Andersdotter, e por membros dos partidos da República Checa, Alemaña, Italia, Polonia, Luxemburgo, Bélxica e Lituania. A previsión é de que os días vindeiros se poda falar de novas adhesións. A reunión de Praga foi a de maior tamaño da historia da Internacional. A maiores de reforzar os devanditos obxectivos (transparencia, liberdade) fíxose fincapé en impulsar o que sería un dos grandes piares da organización europea: a democracia directa. “Queremos que a cultura e o coñecemento estean ao alcance de todo o mundo”, sinalouse no transcurso da xuntanza, “polo que estamos en contra de tódalas restricións de copywrite, patentes, dereitos de marca unha vez que se teña mercado un produto”, comentou Kenneth Peiruza, voceiro dos Pirates de Catalunya, quen tamén tivo palabras críticas cos danos colaterais que achega o encarecemento de fármacos por mor das devanditas patentes. Cousa que, dixo, non acontece en Brasil, onde se procedeu a liberalizalos e o custe dos doentes de SIDA é de uns 200 dólares anuais, que esnáfranse de cheo contra os case 20.000 que se pagan en Estados Unidos”. Cómpre sinalar que o movemento pirata ten tamén representación galega, tal e como vimos sinalando dende Código Cero, con motivo da súa posta en marcha e de iniciativas posteriores.
A Internacional de Partidos Piratas impulsará unha formación europea
Compartir Este Artigo
