Este mércores 18 de abril celebrouse en Madrid, da man de IBM, un encontro profesional destinado a abrir determinadas xanelas ao futuro: as xanelas do que se vén chamando a cidade dixital ou cidade intelixente. O evento, que tivo representación galega a través da participación do alcalde da Coruña (Carlos Negreira), serviu tamén para avaliar os retos aos que se enfrontan as urbes en materia de modernización dos seus servizos (máis conectadas, máis sustentables, máis rendibles, mellor xestionadas) e o papel que xoga a tecnoloxía nesta transformación (un papel tan destacado que sen ela non sería posible o cambio).
A xornada contou tamén cos representantes dos Concellos de Barcelona, Málaga, Pamplona, Santa Cruz de Tenerife, Santander e Zaragoza. Amais deles, participaron directivos de empresas como BBVA, Endesa, Acciona, Ferrovial, FCC, Gas Natural Fenosa, Iberdrola, Repsol e a devandita IBM.
O evento celebrouse no IBM Forum e contou coa presenza de máis de 100 asistentes, procedentes dos eidos produtivo, institucional e académico.
Juan Antonio Zufiria, presidente da devandita multinacional TIC para España, Portugal, Grecia e Israel, quen fixo fincapé nas oportunidades que nos fornece a tecnoloxía e no feito de que “nunca tivemos tantas capacidades tecnolóxicas e tanta experiencia e talento como para sentir, enxergar e actuar sobre os sistemas que fan funcionar o mundo”.
A idea é, tamén, adiantármonos ás grandes necesidades que van ter en breve as cidades de todo o mundo, aglutinadoras de inxentes cantidades de poboación: “Hoxe as cidades son responsables do 75% do consumo enerxético do mundo e do 80% das emisións de gases que xeran o quecemento da Terra; tamén se estima que o impacto da conxestión do tráfico nos países desenvolvidos pode provocar importantes perdas; todo isto fai máis que necesaria que nunca a transformación das infraestruturas básicas como o transporte, a enerxía ou a seguridade”, engadiu IBM.
Polo que respecta á participación dos alcaldes, coincidiron no que hai que facer para estimular o crecemento económico das urbes e atraer empresas e profesionais innovadores: cómpre mellorar os diferentes sistemas que constitúen unha cidade: tráfico (reducindo atascos e conxestión), seguridade (reducindo delitos e o tempo de resposta das emerxencias), sanidade (permitindo un acceso axeitado aos datos sanitarios para incrementar a calidade da atención e a prevención) e a educación e a formación.
IBM e alcaldes de todo o Estado amosan o seu punto de vista sobre como crear unha cidade intelixente
Compartir Este Artigo
