Mergullándonos a semana pasada na Rede galega atopamos unha nova iniciativa de gran interese para os que somos seareiros do cinema e que ademais buscamos (sempre que se poida) velo subtitulado, e se pode ser na nosa lingua mellor que mellor. Isto é o que nos queren ofrecer, pouco a pouco e coa axuda da comunidade cinéfila galega, dende subtitulosengalego.com, unha desas páxinas cuxos nomes mesmos xa funcionan como un resume, polo miúdo, de intencións. Polo de agora as achegas son poucas, pero a cousa promete, sobre todo porque o gusto por ver de cinema lexendado non para de afianzarse.
A iniciativa vén da man de dous estudantes de primeiro curso do Grao de Enxeñaría Informática da Universidade de Santiago de Compostela, sendo o seu obxectivo dedicar unha parte do seu tempo de lecer a elaboración de subtítulos para algunha que outra das súas series e películas favoritas. O proxecto comeza xa a coller forma, con lendas para Rounders, Ghost ship, Slumdog millionaire, Son Lenda ou Resident Evil 3. A páxina en cuestión está aínda en fase de desenvolvemento e, polo tanto, suxeita a actualizacións e cambios cada pouco tempo. O mesmo acontece coa base de datos, que non é ampla pero “estase a traballar de continuo para tentar subir máis subtítulos o máis axiña posible”, sinalan os responsables deste interesante proxecto. E engaden para que non haxa dúbida sobre as posibles eivas do seu traballo respecto ás series e ás diferentes tempadas das mesmas: “Os subtítulos que están subidos aparecen automaticamente na súa tempada correspondente, así que se ó cargar a paxina dalgunha serie non aparece ningún subtitulo ou se ocorre o mesmo nalgunha temporada significa que aínda non temos feito o subtitulo”. Por certo que a web tamén conta cun foro destinado a fomentar o debate e a participación externa e máis a resolver as dúbidas sobre os traballos achegados ou que estean a piques de chegar.
En marcha unha web que nos fornece de subtítulos de cinema na nosa lingua
Compartir Este Artigo
