Este 24 de abril, martes, temos que falar de regreso á Rede. Máis polo miúdo o do servizo audiovisual galego GZVideos, plataforma independente de vídeo-activismo, desta volta a través de dúas portas nas que petar: gzvideos.info ou galizavideos.info. A andaina comeza cunha escolma a ter en conta: un milleiro de pezas do noso audiovisual con ligazóns directas á loita que se está a desenvolver na nosa terra, con motivo da crise ou da corrupción do poder, a través de múltiples reivindicacións e mobilizacións polos dereitos sociais e un panorama máis xusto para os traballadores.
“Todo isto”, informan os responsables do servizo, “nunha nova web completamente anovada, que clasifica os vídeos por categorías, permitindo a posibilidade de envío de materiais e incorporando unha sección wiki, amais do proxecto GalizaTV”. Por certo que para este 25 abril, coincidindo coa revolución dos cravos portuguesa, achégase un máis que interesante especial audiovisual de homenaxe e de recuperación dun espírito, o que animou ao cambio de rumbo político-social no país irmán, especialmente vixente. Polo que respecta á liña de actividade do servizo, sinalar que se trata, como dixemos, dunha plataforma independente de comunicación, sendo o seu obxectivo dar acubillo e difusión a contidos xerados por e para as organizacións populares, movementos sociais, colectivos e iniciativas, “sempre que resposten aos intereses, reivindicacións e expresións creativo-culturais do pobo traballador galego, en particular a súa loita polo dereito democrático á libre determinación”, sinálase dende a devandita web.
En marcha GZVideos cunha escolma de un milleiro de pezas reivindicativas
Compartir Este Artigo
