O Cluster Audiovisual Galego, CLAG, amosa dende esta semana unha fonda remodelación do seu portal, agora máis que nunca, segundo fai saber a plataforma de empresas galegas, un completo instrumento de comunicación e difusión das mesmas e dos seus éxitos nas pantallas de toda índole (sala de cinema, televisión, computador, móbil, consolas, etc). O portal, complementando este obxectivo, re-nace coa arela de converterse nun enderezo de referencia en boa parte dos aspectos relacionados co sector audiovisual.
O novo deseño web, accesible dende o 20 de abril, inclúe novidades en continente (unha imaxe “máis atractiva e actual”) e máis en contido. A idea era facer algo transparente e que presentase os menos obstáculos posibles entre o usuario e a información e servizos contidos. Dito doutro xeito: que se amosase dunha tacada o miolo do CLAG e dos seus obxectivos e actividades. A información que se achega salienta polo seu dinamismo e por estar suxeita a constantes actualizacións e ampliacións, en boa medida a base de informes “de máxima actualidade”. A intención, así, é a de conseguir que o interese por conectarnos á web do Cluster se renove e se fortaleza cada día.
O portal web, informa o CLAG, amosa os diferentes servizos prestados polo Clúster, como o de Asesoramento en I+D+i, Licitacións e axudas, ou o recentemente creado Servizo de captación de financiamento privado, entre outros. E tamén proxectos creados
polo CLAG nas súas catro liñas estratéxicas: Innovación, Internacionalización, Formación e Dinamización sectorial.
Asemade, a web fornece aos usuarios de datos de valor sobre as preto de 50 empresas asociadas ao CLAG, agrupadas en función da súa actividade: produtoras, servizos, formación, entidades e emisión, permitíndolles a actualización dos seus contidos.
O portal do CLAG inclúe entre os seus servizos, a maiores, un Boletín Informativo Mensual, que se distribúe entre milleiros de profesionais, o que garante, en palabras do CLAG, “unha notable visibilidade ante un público moi selectivo, configurado sobre todo por profesionais que valoran o carácter integral da información que se facilita, así como a interacción e colaboración que ofrece o portal entre os diferentes actores que participan no sector e entre un variado perfil de usuarios que a diario navegan por el”.
O novo portal deseñouse en colaboración coa empresa galega Interacción Comunicación sobre o xestor de contidos de software libre Drupal, “o que lle garante ao Cluster as posibilidades de evolución futura do seu portal segundo os seus propios intereses”.
A nova web do Cluster do Audiovisual Galego afondará na divulgación dos éxitos dos nosos profesionais
Compartir Este Artigo
